O número de empresas do sector TIC experimentou en Galicia un crecemento do 14,6% no período 2009 – 2010

Data: 
08/03/2011

Caracterización do sector TIC
O número de empresas galegas do sector TIC no ano 2010 situábase en 1.767 empresas. Estes datos sitúan a Galicia como a sétima Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector TIC e confirma que este sector está a converterse nunha das áreas produtivas chaves no desenvolvemento económico e social de Galicia, pola súa condición de acelerador da mudanza tecnolóxica e polo seu carácter transversal ao resto de sectores.
O número de empresas do sector TIC mostra unha tendencia positiva, experimentando un crecemento do 14,6% no período 2009 – 2010. En España, o incremento neste indicador foi dun 11,5%, pasado de 41.730 empresas do sector TIC no ano 2009 a 46.511 no ano 2010.
A distribución das empresas do sector TIC galegas segundo a actividade CNAE 2009 mostra que o maior número de empresas se concentra no subsector da “Programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática”. A continuación, sitúanse as actividades relacionadas coa “Reparación de ordenadores e equipos de comunicación” e o “Proceso de datos, hosting e actividades relacionadas; portais web”.
Na análise do sector TIC cabe salientar que un 52,7% das empresas de Galicia non conta con asalariados/as (932 empresas) e un 41,6% das empresas ten entre 1 e 9 asalariados/as (735 empresas).
No período 2009 – 2010, o número de empresas galegas do sector TIC aumentou en 225 empresas, producíndose este incremento en todos os tramos de asalariados/as agás no relativo ás empresas de 10 e máis asalariados/as. O crecemento máis significativo, en termos absolutos, experimentouse nas empresas do sector TIC que non contan con empregados/as (111 empresas máis).
As empresas TIC españolas presentan unha distribución semellante: un 57,8% non conta con asalariados/as (26.863 empresas) e un 34,9% das empresas ten entre 1 e 9 asalariados/as (16.248 empresas).
O nivel de emprego no sector TIC situouse no ano 2010 nos 15.851 traballadores/as, o que representa o 1,57% da poboación ocupada galega, porcentaxe similar á do ano anterior (1,59%). Pese ao aumento no número de empresas do sector TIC, a actual conxuntura económica condiciona que se produza un lixeiro descenso no número de persoas empregadas no sector TIC.
Unha das principais fortalezas de Galicia é a capacitación e a especialización do capital humano. No curso 2008-2009, 687 persoas tituláronse en Enxeñaría en Informática ou Telecomunicacións nas Universidades Galegas. Isto representa o 7,2% sobre o total de persoas tituladas no Sistema Universitario Galego. Por iso, é necesario poñer atención nas medidas destinadas a atraer e consolidar persoal cualificado ao sector e fomentar a retención de coñecemento nas empresas.
Sector dos Contidos e Medios da Información
Conforme aos traballos metodolóxicos levados a cabo polos principais organismos internacionais (OCDE, Eurostat, INE) para harmonizar conceptos, definicións e indicadores a nivel internacional, defínese o sector Contidos e Medios da Información segundo a clasificación CNAE 2009. O número de empresas galegas deste sector no ano 2010 situábase en 761 empresas. En España, a cifra total de empresas deste sector ascende a 19.312. Estes datos sitúan a Galicia como a sexta Comunidade Autónoma con maior número de empresas do sector Contidos e Medios de Información. A distribución das empresas deste sector segundo a actividade CNAE 2009 mostra que o maior número de empresas se concentra no subsector da “Edición de libros, xornais e outras actividades editoriais”. A continuación, sitúanse as actividades relacionadas coa “Actividades cinematográficas, de video e de programas de televisión”
No período 2009 – 2010, o número de empresas do sector Contidos e Medios de Información experimentou un descenso do 4,4% en Galicia e do 2,3% en España.A agregación do sector TIC e do sector Contidos e Medios da Información configuran un “hipersector TIC” galego que mostra unha tendencia positiva no número de empresas que o integran. No período 2009 – 2010, o número de empresas do “hipersector TIC” experimentou un incremento do 8,1% en Galicia e do 6,9% en España.
 
Nota metodolóxica:
Considérase a seguinte definición do Sector TIC (empregada por INE, Eurostat e OCDE): Manufactureiras TIC (26.11, 26.12, 26.20, 26.30, 26.40, 26.80), Comerciais TIC (46.51, 46.52), Publicacións TIC (58.21, 58.29), Telecomunicacións (61.10, 61.20, 61.30, 61.90), Actividades informáticas portais web e procesamento de datos (62.01, 62.02, 62.03, 62.09, 63.11, 63.12) e reparación de ordenadores (95.11, 95.12)
 
Máis información: Estado da Sociedade da información en Galicia (marzo 2011)