O informe da Fundación Telefónica salienta o alto nivel de uso da administración electrónica en Galicia

Data: 
12/01/2011

O diagnóstico global da Fundación Telefónica indica que o ano 2010 continuou sendo un ano de consolidación para o desenvolvemento da Sociedade da Información: segue a medrar o número de accesos de banda larga e o número de internautas, os segmentos de poboación máis madura comezan a tomar o relevo. O incremento no uso de Internet por parte da poboación máis madura, así como a alta participación da mocidade levou a acadar practicamente os 27 millóns de usuarios no conxunto do Estado. Dese total, o 69,2% accede a diario á Rede, un 13,3% máis que o ano pasado o que indica que case 15 millóns e medio de persoas fan un uso intensivo e diario de Internet.
Ao mesmo tempo, a banda larga é cada vez máis móbil, o tráfico de vídeo domina en Internet e o Cloud vai penetrando cada vez máis no mundo empresarial. Durante 2010 superáronse os 10 millóns de liñas de banda larga fixa cun crecemento do 8,3%. En España, ademais, xa existen nove millóns de vivendas con acceso a Internet, o que supón un aumento de máis de 700.000 fogares respecto ao ano pasado. Deles, máis de oito millóns oitocentos mil fogares teñen conexión de banda larga, o que supón un crecemento de máis de 900.000 accesos respecto de 2009.
O 2010 foi un ano no que o sector TIC seguiu apostando pola innovación e acadáronse logros importantes como o que os servizos da e-Administración se sitúen entre os mellores do mundo. Segundo un informe publicado recentemente pola ONU, o Estado español acada o 9º posto a nivel mundial en referencia ao desenvolvemento destes servizos (o 5º de Europa), por riba doutros países máis desenvolvidos economicamente como Francia, Xapón ou Alemaña (en 2008 ocupaba a posición 20). Doutra banda, en relación á e-Participación España ocupa o posto 3º por detrás de Corea de Sur e Australia, e por riba do resto de potencias mellorando 31 postos desde o ano 2008.
O informe afirma que as tendencias apuntan cara a un mundo dixital cada vez máis rico, aderezado pola Internet dos Obxectos e o Open Data, que van permitir, ter cada vez máis perto o mundo dos obxectos físicos e o dos datos e o coñecemento.
A Sociedade da Información en Galicia
Os datos que recolle o informe mostran a evolución da penetración das novas tecnoloxías na sociedade galega nos diferentes contornos socioeconómicos: poboación, empresas e empresas TIC. Os principais indicadores da Sociedade da Información en Galicia avanzan positivamente, destacando o alto nivel de uso da administración electrónica e o impulso que exerce o sector TIC na economía galega. A nivel estatal, Galicia presenta unha posición destacada no uso de la administración electrónica por parte de la ciudadanía. Non obstante, a progresiva incorporación de Galicia á Sociedade da Información, segue lastrada por factores estruturais como o envellecemento e a dispersión poboacional que aínda nos afastan dun escenario de converxencia.
O documento salienta, ademais, as iniciativas postas en marcha pola Xunta de Galicia, no marco da nova Axenda dixital 2014.GAL, a estratexia global do Goberno galego en materia tecnolóxica que establece a folla de ruta para converxer con Europa no ano 2020. A Axenda Dixital supón o maior investimento de fondos públicos galegos para o desenvolvemento da Sociedade da Información: máis de 935 millóns serán achegados pola Xunta de Galicia até 2014 e xerarán un investimento total de 1.600 millóns de euros. Está previsto impulsar a creación de máis de 12.000 postos de traballo e aumentar a actividade económica en 800 millóns de euros, pasando do 4,8% do PIB actual, ao 6% en 2014.
A Axenda pretende ampliar o coñecemento e a capacitación tecnolóxica dos cidadáns mediante o despregamento das TIC no ámbito educativo, facendo accesíbeis as tecnoloxías ao conxunto da cidadanía, con medidas para reducir a fenda dixital así como modernizar a Administración facéndoa máis eficiente. O obxectivo é que en 2014 todos os expedientes administrativos poidan ser tramitados por Internet, o 100% dos funcionarios públicos terán competencias dixitais para conseguir unha verdadeira Administración electrónica.
A Lei 11/2007 do 22 de xuño de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos e o desenvolvemento do eGoberno en Galicia garantirán o dereito da cidadanía galega a relacionarse coa administración nun novo modelo de prestación de servizos públicos electrónicos. Con este obxectivo, está en marcha o Plan de Modernización da Administración Pública para potenciar o desenvolvemento dos servizos de administración electrónica na propia Xunta e a mellora e modernización dos servizos que ofrece esta de cara ao cidadán. Por outra banda, o Plan eConcellos axuda ao desenvolvemento da Administración Electrónica nas entidades locais; o Proxecto ABALAR integra todas as iniciativas TIC no ámbito educativo. Na área da saúde hai un grupo de iniciativas en marcha entre as que salienta IANUS, o proxecto para a informatización sanitaria. Tamén está en execución o Plan de Sistemas TIC na Administración de Xustiza en Galicia (Plan Senda 2014) para levar a cabo diferentes actuacións nas sedes xudiciais e así integrar o TIC no ámbito xudicial.
O informe tamén destaca os proxectos: Rede CeMIT, coordinando as distintas aulas públicas de acceso a Internet da Comunidade, o Plan de Acción 2010 en materia de software libre e de fontes abertas (FLOSS) e o Programa TIC TAC Galicia para mellorar o acceso á sociedade da información das persoas con discapacidade.
O Plan Director de Banda Larga 2010-2013 mobilizará 232 millóns de euros para que ao final deste período o 100% da poboación galega poida ter acceso á Rede. Segundo as previsións, o 94% da poboación contará con acceso a banda larga de calidade, atendendo ao 100% dos núcleos con máis de 100 habitantes.
Entre os instrumentos con que conta a Axenda Dixital para garantir a adecuada execución das políticas da Administración galega en relación coa Sociedade da Información, cabe destacar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia creado e regulado polo Decreto 21/2010 do 4 de febreiro de 2010 que se constitúe como órgano asesor para a valoración da evolución da Sociedade da Información en Galicia. As actividades do Observatorio enmárcanse nas tarefas encomendadas pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.
Todas as análises, informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org