O Hipersector TIC galego crea nun ano 191 empresas e máis de 1.000 novos postos de traballo

Data: 
19/06/2020
  • A Comunidade conta con 24.338 empregados/as afiliados á Seguridade Social nas actividades TIC e Contidos, un 4,4% máis que no ano anterior
  • O número de empresas do Hipersector rexistra un crecemento dun 5,5%, superior á media estatal
  • As empresas tecnolóxicas e de contidos galegas exportaron bens por valor de 111 millóns de euros, medrando especialmente o sector Contidos
  • O 19,7% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores realizaron algún tipo de actividade innovadora.
  • No 2018, as empresas galegas destinaron máis de 590 millóns de euros a gastos internos de I+D, o que supón un incremento do 3,5% con respecto ao ano anterior

O Hipersector TIC galego pechou o 2019 con 24.338 traballadores, o que supuxo 1.030 novos empregos no último ano e representa un crecemento do 4,4% respecto do ano anterior. O incremento tivo lugar tanto no Sector TIC como no Sector Contidos. Así, o sector tecnolóxico conta con 18.964 traballadores, experimentando un incremento do 4,5%, e o sector Contidos conta con 5.355 traballadores o que supón un incremento do 4,1% respecto ao ano 2018. Son as cifras recollidas no Estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Amtega.

O informe indica tamén que no ano 2018 estaban rexistradas en Galicia un total de 3.665 empresas dedicadas a actividades adscritas ao Hipersector TIC, cun crecemento do 5,5% no último ano. Este incremento é superior á media do conxunto do Estado (4,5%) e mantén a . Galicia na quinta posición estatal cunhamaior cifra de empresas deste segmento, unicamente superada por Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana. 

A análise dos dous sectores que conforman o Hipersector TIC indica que: o sector TIC acada as 2.783 empresas, un 5,9% máis que o ano anterior e representa máis do 75% do total do Hipersector TIC. Pola súa banda, o sector Contidos experimenta un crecemento especialmente importante, por riba do 4%, e sitúase en 882 empresas.

Incremento do valor engadido bruto e das exportacións de bens

O informe sinala que valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC galego aumentou un 5,2% no último ano e se achega aos 1.700 millóns de euros, o que representa o 2,9% do PIB galego. Este indicador experimentou un crecemento moi significativo nos últimos dous anos e garda relación co incremento observado no número de empresas e de traballadores/as. 

A balanza comercial do Hipersector TIC deixou en Galicia máis de 111 millóns de euros en exportacións no ano 2018, o que supón un incremento do 5,7% respecto ao ano 2017. Pola súa banda, as importacións tamén experimentaron una evolución positiva, concretamente do 8,9% respecto aos datos de 2017, acadando practicamente os 140 millóns de euros. 

Cabe salientar o crecemento dun 13% das exportacións de bens do sector Contidos. Non obstante, a fabricación de equipos de telecomunicacións (CNAE 26.3) é a actividade que acada unha maior cifra de exportacións, con máis de 52 millóns de euros exportados, o que supón o 47,5% das exportacións do Hipersector TIC en Galicia

A innovación e a I+D no tecido empresarial galego

O informe tamén analiza a actividade innovadora entre as empresas de 10 ou máis empregados/as, utilizando os últimos datos dispoñibles das enquisas de innovación e I+D do INE.

No período 2016-2018, 1.506 empresas galegas de 10 ou máis traballadores/as realizaron algún tipo de actividade innovadora, o que representa o 19,7% das empresas galegas deste volume de emprego. Galicia ocupa así a sexta posición no ranking estatal de empresas innovadoras. As empresas galegas de 10 ou máis empregados/as acadaron un gasto en actividades innovadoras de 738 millóns de euros no ano 2018.

Para o 43,6% das empresas galegas, o principal factor que dificulta a decisión de iniciar ou executar as actividades innovadoras é a existencia doutras prioridades na propia empresa. A consideración do elevado custe (24,7%) é o segundo factor máis importante.

No 2018, as empresas galegas destinaron máis de 590 millóns de euros a gastos internos de I+D, o que supón un incremento do 3,5% con respecto ao ano anterior. Galicia permanece na sétima posición das Comunidades que máis investiron en I+D respecto ao conxunto estatal. O número de traballadores/as en I+D en Galicia incrementouse un 3,6% no último ano e supera os 10.600 traballadores/as.

Distribución do emprego por provincias e xénero

A análise provincial indica que A Coruña, cun 58%, e Pontevedra, cun 28,6%, seguen a ser as que concentran un maior número de traballadores do Hipersector TIC. 

Respecto á actividade onde se rexistrou o maior incremento de traballadores/as no último ano, destaca o das “Actividades cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión”, que aumentou un 19,1%, achegándose aos 1.400 traballadores/as. A actividade que máis emprego aglutina é, non obstante, a de “Actividades da tecnoloxía da información e de servizos informáticos, ocupando a 11.447 traballadores/as.

A análise do emprego segundo o xénero no Hipersector TIC indica que un 66,6% son homes fronte a un 33,4% de mulleres. Esta fenda de xénero faise máis patente no sector TIC, no que a porcentaxe de mulleres é do 31,1% mentres que no sector contidos, as mulleres representan o 41,5%. O crecemento do emprego durante o ano 2019 segundo o xénero foi do 5,2% no caso dos homes e do 2,9% para as mulleres.

Informe completo

 

Localización: