O gasto en TIC das empresas galegas superou os 457 millóns de euros, un 11,7% máis que no exercicio anterior

Data: 
01/03/2021
  • O gasto en TIC das empresas galegas superou os 457 millóns de euros, un 11,7% máis que no exercicio anterior.
  • Máis da metade das microempresas galegas (54,3%) ten contratada unha velocidade de conexión a Internet de máis 100 Mbps, cun incremento do 93,2% no último ano.  No caso das empresas de 10 e máis empregados/as, o crecemento na contratación desta velocidade foi do 41,2%
  • Aumentou un 78,7% o número de microempresas que venderon a través de Internet.
  • Demanda de perfís TIC: O 16% das empresas galegas de 10 ou máis empregados/as contratou ou tentou contratar especialistas TIC.
  • As empresas galegas superan a media estatal no emprego do Internet das Cousas e a Robótica.
  • Un 12,4% das empresas galegas de 10 ou máis empregados/as empregaron Big Data, 3,9 puntos máis que a media estatal.
  • Dúas de cada tres microempresas galegas implementaron políticas de ciberseguridade, cun crecemento do 31% no último ano.

O gasto total en TIC das empresas galegas superou os 457 millóns de euros, o que representa un incremento dun 11,7% respecto ao exercicio anterior. As microempresas destinaron o seu maior orzamento TIC ao gasto en bens, servizos e consultas TIC mentres o gasto principal das empresas de 10 ou máis empregados/as foi o gasto en software.

Son datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2020, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O estudo analiza a integración das TIC en todas as empresas galegas, un total de 197.813, nas que o 96,2% son microempresas, de 0 a 9 traballadores/as. 

Aumento da velocidade de conexión a Internet

A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis traballadores/as teñen contratado Internet. Entre as microempresas galegas incrementouse a contratación de Internet nun 7,8%, acadando unha porcentaxe do 78,6% e superando lixeiramente a media estatal (78,2%).
     
No último ano experimentouse un salto cualitativo na velocidade de conexión a Internet contratada. A porcentaxe de microempresas que dispoñen de velocidade de conexión a Internet de máis de 100 Mbps incrementouse un 93,2%, pasando do 28,1% no ano 2019 ao 54,3% no 2020. Neste período, no caso das empresas de 10 e máis empregados/as, o incremento foi do 41,2%, pasando do 45,1% ao 63,7%.

No ano 2020 incorporouse un novo indicador que mide o grao de satisfacción que teñen as empresas coa velocidade de descarga contratada. Os resultados obtidos indican que arredor do 90% das empresas galegas que teñen contratado Internet de banda larga fixa, consideran suficiente a velocidade de descarga.

Visibilidade en Internet e comercio electrónico

No ano 2020 consolidouse a dispoñibilidade de páxina web entre as microempresas galegas (29,4%), rexistrando un crecemento do 10,1% no último ano e superando en 0,6 puntos porcentuais a media estatal (28,8%). A porcentaxe de empresas galegas que posúen páxina web de 10 ou máis asalariados/as supera o 80% e sitúase tamén por riba da media estatal (78,1%).

Respecto ao uso de redes sociais con fins empresariais, segue a súa liña de ascenso. Unha de cada tres microempresas galegas ten presenza nas redes sociais, aumentando un 28% no último ano e reducindo en 4,7 puntos a diferencia coa media estatal. Entre as empresas galegas de 10 ou máis traballadores/as (67%), o incremento foi dun 22,7%, superando a media estatal (63%). 

No relativo ao comercio electrónico, cabe salientar que unha de cada dez microempresas galegas vendeu a través da Rede, experimentando un incremento do 78,7% e superando a media estatal (9,5%). No caso das empresas de 10 ou máis empregados/as con actividade en Galicia, a porcentaxe sitúase no 22%.

En canto á procedencia dos clientes, a maioría teñen sede no territorio español. Non obstante, cabe salientar que o 31,8% da vendas en liña das empresas de 10 ou máis traballadores/as con sede na Comunidade galega producíronse noutros países da Unión Europea.

Demanda de Perfís TIC nas empresas galegas de 10 ou máis empregados/as    

No último ano incrementouse un 16% o número de empresas galegas de 10 ou máis empregados/as que contrataron especialistas TIC e un 23,9% xa conta con perfís TIC na súa plantilla, superando a media estatal (18,4%) en 5,5 puntos porcentuais.

Entre as empresas galegas de 10 ou más empregados/as que contan con perfís TIC, un 43,6% emprega mulleres especialistas TIC e, no caso das microempresas, a porcentaxe sitúase no 22,8%, porcentaxes superiores ás medias estatais (32% e 19,7% respectivamente). 

O estudo constata a demanda de perfís TIC nas grandes empresas galegas: O 16% das empresas galegas de 10 ou máis empregados/ as con sede e/ou actividade en Galicia contratou ou tentou contratar especialistas TIC, superando a media estatal (13,2%).

Tecnoloxías disruptivas: Internet das Cousas, Robótica e Big Data

O 18,6% das empresas de 10 ou máis empregados/as con sede e/ou actividade en Galicia utilizaron dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de Internet (o Internet das cousas), superando a media estatal (16,8%). No caso das microempresas o uso desta tecnoloxía (4,6%) iguala a media estatal.

Os dispositivos IoT máis empregados nas empresas con 10 ou máis traballadores/as son os sensores, etiquetas RFID ou cámaras controladas por Internet para mellorar o servizo do cliente. Doutra banda, o dispositivo máis utilizado entre as microempresas son os sensores de movemento para rastrexar vehículos ou produtos.

O uso da robótica nas empresas galegas supera a media estatal. Entre as empresas de 10 ou máis traballadores/as de Galicia este indicador sitúase no 9,7%, 0,8 puntos porcentuais por riba da media estatal (8,9%). Entre as microempresas galegas, rexístrase un uso máis reducido (2%) pero tamén por riba da media estatal (1,8%).

No 2020 increméntase lixeiramente a porcentaxe de empresas que analizaron Big data en Galicia. O maior incremento rexístrase entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados/as, onde a análise de Big Data sitúase no 12,4%, 3,9 puntos máis que a media estatal. O uso máis común da Big data nas empresas galegas é a análise dos datos de xeolocalización obtidos a partir de dispositivos portátiles.

Xestións coas Administracións Públicas e Ciberseguridade

O uso de Internet para relacionarse coas Administracións Públicas é practicamente universal entre as empresas de 10 e máis empregados/as e superan a media estatal en 4 puntos porcentuais. No caso das microempresas, un 73,9% das empresas con conexión á Rede tiveron interacción coas AAPP a través de Internet.

As medidas de seguridade TIC incrementáronse no ano 2020, especialmente entre as microempresas. Dúas de cada tres microempresas galegas implementaron políticas de ciberseguridade, cun crecemento do 31%. Entre as empresas de 10 ou máis traballadores/as con sede ou actividade en Galicia este indicador sitúase no 95,7%, aumentando un 2,6% respecto ao ano 2019.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.gal
 

Localización: