A Asociación Multisectorial de Empresas da Electrónica, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, das Telecomunicacións e dos Contidos Dixitais (AMETIC) elaborou o Estudo sobre salarios e política laboral no sector da Electrónica, as Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións, 2010, do que se tira a conclusión de que a contratación fixa no sector representa o 84,3%, o que supón un signo de estabilidade que consolida o comportamento rexistrado en 2008 e 2009.
AMETIC analizou o panorama laboral de 80 categorías profesionais que se definen como Hipersector TIC, estruturadas ao longo de sete departamentos típicos en empresas do ámbito tecnolóxico (comercial, administrativo, técnico-desenvolvemento, administrativo-finanzas, explotación, mantemento, compras-loxística, e fabricación).
Salarios
O estudo analiza con detalle as distintas franxas salariais en función do departamento e a categoría laboral desempeñada dentro deste. Así, os directores comerciais, situáronse na franxa máis alta, cunha media de retribución bruta de 93.372 euros en 2010. Nesta liña, outros directivos no nivel máis alto salarios corresponderon aos responsábeis do departamento Técnico (84.175 euros), do departamento de Explotación (75.330 euros), e o de Administración (76.149 euros). Por contra, os executivos con menor retribución anual foron o director de Compras/Loxística (64.621 euros), e o director de Fabricación, cuxa remuneración media anual sitúase en 52.020 euros.
Segundo este estudo as empresas TIC proporcionaron aos seus profesionais unha serie de vantaxes sociais entre as que destacan as revisións médicas (71,4%); comedor (61%); horario flexíbel (57,1%); seguros médicos privados (55,1%); automóbil (46,9%); seguros de vida (un 44,9%); seguros de accidentes (40,8%); axuda escolar (24,5%); accións da compañía (14,3%) e plan de pensións (10,2%). O estudo conclúe, ademais, que o 21,7% das empresas ofreceu dietas aos seus empregados por un valor medio diario de 43,8 euros.
Así mesmo, convén destacar que o 56,9% das empresas consultadas manifestou proporcionar aos seus empregados/as un paquete de retribución flexíbel en 2010. Respecto das vacacións, a media foi de 23 días en 2010.
En canto ao tipo de xornada, case a metade das empresas (48,3%) utilizaron a fixa-partida, seguida da flexíbel (25%), e da fixa-continua (23,3%).
Radiografía do profesional TIC
A idade media do persoal situouse nos 35,7 anos, cunha participación de mulleres do 36,4% da masa laboral do sector, un 1,68% máis respecto de 2009. O convenio laboral maioritario ao que pertenceron o profesionais TIC foi o de consultoras (32,8%).
O 58,8% do persoal TIC tiña titulación universitaria, maioritariamente en Informática (26,7%) e Telecomunicación (22,2%). O resto de titulacións repártese entre Económicas (9,5%); Industriais (8,7%), Dereito (4,3%), Físicas (2,4%) e Exactas (1,5%).
O 70,7% das empresas consultadas prevé manter o seu persoal durante este exercicio.
Para a elaboración da presente edición tivéronse en conta os datos facilitados por un total de 61 empresas do Hipersector TIC, cun total de 51.153 empregados. O estudo, que contou coa participación activa dos responsábeis de Recursos Humanos das citadas compañías, ofrece unha análise global para todo o colectivo de empresas TIC participantes, así como outros específicos en función da súa actividade principal e tamaño.
Data:
10/03/2011