O 65 % de fogares da UE limita as súas chamadas telefónicas en favor de Internet

Data: 
13/07/2011

Unha de cada catro persoas enquisadas considera que as velocidades de carga e descarga da súa conexión a Internet non cumpren as condicións estipuladas no contrato que asinou (un problema que sinala tamén a Comunicación da Comisión sobre a neutralidade da rede - IP/11/486), e un de cada tres afirma ter avarías na súa conexión.
A enquisa revela tamén que aos cidadáns da UE preocúpalles a protección dos datos persoais: o 88% das persoas enquisadas declara que lle gustaría ser informado no caso de que se perdesen, roubasen ou alterasen de calquera forma aqueles datos persoais seus que estean en poder do seu provedor. En virtude das novas normas da Unión aplicables desde o 25 de maio de 2011 (véxase MEMO/11/320), os operadores de telecomunicacións e os provedores de servizos de Internet teñen que tomar fortes medidas de seguridade para protexer o nome, dirección electrónica e datos da conta bancaria dos seus clientes, así como a información relativa ás súas chamadas de teléfono e ás súas sesións de Internet. As novas normas dispoñen tamén que, no caso de que se vulnere a seguridade ou se perdan ou rouben datos persoais, as operadoras informen inmediatamente aos seus clientes e ás autoridades responsables da protección de datos.
Segundo esta enquisa o 98 % dos fogares da UE dispón de teléfono, e unha proporción deles cada vez maior (un 89 % actualmente) ten acceso á telefonía móbil. O 62 % dispón tanto de teléfonos fixos como de móbiles e só a 9 % conta unicamente cunha liña fixa.
O 98 % dos fogares da UE ten televisión. O seu sistema de recepción máis habitual é por cable (35 %), seguido da dixital terrestre (que representa un 30 %, cun aumento de 7 puntos porcentuais desde novembro-decembro de 2009).
Paquetes de servizos de telecomunicacións
O 42 % dos fogares está subscrito a un «paquete». Ademais, o 61 % dos servizos de acceso a Internet e a metade dos de telefonía fixa contrátanse como parte dun paquete. Segundo o 41 % dos fogares enquisados, a principal vantaxe deses paquetes é o feito de tratar cun só provedor de servizos e de recibir unha soa factura. O 33 % pensa que contratar un paquete é máis barato que pagar cada servizo por separado.
Con todo, o 16 % considera que os paquetes ofrecen algúns servizos que non se necesitan e outro 10 % expresa a súa preocupación pola falta de transparencia e claridade dos custos e das condicións de cada servizo.
Mudar de operadora
Seis de cada dez fogares enquisados afirman non pensar nunca na posibilidade de cambiar a outro provedor de servizos. O 77 % dos fogares en ningún caso cambiaría o seu paquete de servizos actual. Pola contra, o 12 % muda frecuentemente de operadora, e a outro 12 % gustaríalle facelo pero vese impedido para iso por unha ou outra razón.
Entre os obstáculos que dificultan o cambio figuran o risco de perder temporalmente o servizo, a eventual obriga de pagar a máis dun provedor durante o proceso de cambio e a falta de claridade sobre os pasos que hai que dar para poder mudar.
Preocupación pola calidade dos servizos
Ademais dos problemas que expoñen as velocidades de conexión de Internet e as avarías de conexión, unha de cada catro persoas enquisadas informa sobre as dificultades atopadas para conectar coa rede móbil, e unha proporción semellante afirma sufrir cortes das comunicacións móbiles durante unha chamada.
Preocupación polo custo
O 65 % dos enquisados declara estar a restrinxir as súas chamadas de móbil debido ao seu custo (un 4 % máis alto desde a última enquisa de novembro-decembro de 2009). A metade das persoas que poden acceder a Internet a través dos seus teléfonos intelixentes procuran non facelo debido ao custo que iso representa.
Está a aumentar hoxe o uso “gratuíto ou pouco custoso” dos servizos vocais de Internet a partir dun computador ou dun aparello conectado por WiFi: o 28 % dos fogares con acceso a Internet realiza actualmente este tipo de chamadas, o que representa un aumento dun 6 % con relación á última enquisa.
Só móbiles
O 27 % dos fogares non ten máis acceso á rede telefónica pública que o proporcionado por un teléfono móbil. Esa proporción aumentou en 17 Estados membros desde a última enquisa e alcanza xa niveis superiores ao 50 % en cinco países (Chequia, Eslovaquia, Finlandia, Letonia e Lituania).
A E-Communications Household Survey (enquisa sobre as comunicacións electrónicas nos fogares) efectuouse entre o 9 de febreiro e o 8 de marzo de 2011 sobre unha mostra de 27 000 fogares representativos da poboación da UE.