O 43% dos internautas europeos consideran que a Rede tivo un impacto positivo para coñecer máis xente

Data: 
13/01/2011

O estudo da Fundación Telefónica confirma que as posibilidades de comunicación que ofrece a rede están a propiciar unha transformación nas relacións sociais. O teléfono móbil, o correo electrónico, a mensaxería instantánea e máis recentemente as redes sociais estenderon a capacidade de estar en contacto, ofrecendo máis oportunidades para crear, aumentar e retomar ligazóns sociais grazas á redución e mesmo eliminación de barreiras como a distancia ou o tempo. Agora máis que nunca é moi fácil manter o contacto coas persoas que nos importan e os novos medios están a transformar a forma en que desenvolvemos e fomentamos esas relacións persoais.
Segundo datos de 2010 (comScore) xa hai 945 millóns de usuarios en redes sociais no mundo enteiro, 174 deles en Estados Unidos. Facebook é hoxe a maior rede social superando xa os 500 millóns de usuarios. Segundo os datos de Telefónica, en España, ao redor do 50% dos internautas é usuario dalgunha rede social aínda que no caso dos adolescentes as cifras de uso son moito máis altas: o 78% deles son usuarios ('Informe Generación 2.0 2010. Universidad Camilo José Cela ').
A experiencia de uso da rede como medio para enriquecer a contorna persoal é en xeral positiva: o 43% dos internautas europeos consideran que a rede tivo un impacto positivo na oportunidade para coñecer máis xente e o 57% para relacionarse con familiares e amigos. (University of Siegen-UE. Study on the Social Impact of ICT. Abril 2010). Precisamente no último ano percibiuse un cambio importante en canto ao tipo de actividades que se realizan neste sentido: nos EE.UU. o 28,5% do tempo en liña dedícase a actividades en comunidade (14 puntos porcentuais máis que en 2009).
Os contidos compartidos son o nexo das redes sociais
Os principais motivos para entrar nas redes sociais son, por unha banda, manter o contacto cos amigos (o 61%), saber de xente coa que hai tempo non se ten relación (36%) e en menor medida coñecer xente nova. É interesante tamén observar o tipo de actividades que se realiza na rede social, maiormente compartir e comentar fotos, mandar mensaxes privadas, actualizar o perfil ou informar. Os contidos que se comparten constitúen o nexo que axuda a cohesionar esa rede (UCJC. 'Informe Generación 2.0 2010').
O uso da rede para alimentar as relacións sociais é distinto segundo a idade. Como é lóxico en grupos de idade superiores van gañando peso as relacións profesionais e o uso das ferramentas tamén se polariza neste sentido. Un exemplo diso reflíctese na rede social Twitter, que conta con máis de 145 millóns de usuarios rexistrados (Segundo datos de setembro de 2010 a través de techcrunch.com) e cuxo uso é fundamentalmente profesional. En España o 75% dos usuarios afirma usala por motivos profesionais destacando ademais que é unha ferramenta útil para mellorar profesionalmente (68%), promocionarse (75%) ou relacionarse con outros expertos do sector (87%) (Estudo Twitter. Madrid Network. Febreiro 2010).
O uso en mobilidade deste tipo de ferramentas é cada vez maior. Segundo datos de ComScore, só no período de xaneiro de 2009 a xaneiro de 2010 o número de persoas que accederon polo móbil a Facebook medrou nun 112% e a Twitter nun 347%. Na actualidade, Facebook conta con máis de 150 millóns de usuarios móbiles (datos do centro de prensa de Facebook de agosto de 2010). Doutra banda, Twitter representa o paradigma do 'always-on' dado que, no caso de España o 81% dos seus usuarios accede varias veces ao día, o 57% accede desde o teléfono móbil e o 24% 'twittea' desde a rúa. (Estudo Twitter. Madrid Network. Febreiro 2010.)
O informe da Fundación Telefónica conclúe que a vida social está a enriquecerse cada vez máis coa “vida social dixital”, complementando así os encontros físicos. As redes sociais permiten establecer moitos níveis de interacción, xa sexa o de permanecer en contacto, o compartir certos momentos ou mesmo compartir a vida a través dun 'lifestreaming' das vivencias. Neste sentido, para os autores do estudo, os cambios aos que estamos a asistir na sociedade teñen que ver co propio concepto de amizade, o de relación ou mesmo o de como se redefine a privacidade das persoas.