O 11,6% dos cidadáns non utiliza a administración electrónica por considerala insegura

Data: 
18/01/2011

Online Business School (OBS) vén de publicar un estudo sobre 'O Goberno Electrónico en España'. O estudo analiza como interactúan os cidadáns e as empresas coa administración pública a través de Internet. Segundo esta investigación as nosas administracións públicas permiten a interacción bidireccional e a tramitación completa dos servizos públicos con niveis altos, superiores á media da UE27. Non obstante, apenas son o 64% das empresas e o 30% dos cidadáns quen utilizan estes servizos que pon a disposición a administración pública. En tres anos, - de 2007 a 2010- decreceu a porcentaxe de cidadáns que fan uso do goberno electrónico. Apenas eluden esa tendencia negativa a interactuar coas autoridades públicas a través de Internet nas comunidades de Castela - A Mancha, Cataluña e Estremadura.

En termos xerais, os cidadáns de Castela e León (53%), Galicia (52%) e Castela - A Mancha (51%) son os mais utilizan o goberno electrónico para buscar información sobre trámites e actuacións. Os habitantes de Canarias (38%) e Baleares (39%), os que menos. No caso das empresas, as situadas en Navarra (70%), Madrid (69%) e Cataluña (68%), son as que mais uso fan do goberno electrónico.

A desconfianza dos cidadáns cara ao medio, parece ser a principal causa dese baixo uso que se realiza do goberno electrónico. Segundo a investigación, o 11,6% dos cidadáns non interactuou coa administración pública a través de Internet porque non a consideran suficientemente segura. Os valencianos, cun 17,2% son os que menos confían nos trámites en liña por mor da seguridade. Noutra banda, están os cidadáns vascos e cataláns.
Trámites de uso cidadán
Os cidadáns utilizamos o goberno electrónico para obter información, descargar formularios ou enviar formularios cumprimentados. Un de cada dous cidadáns acode a Internet para obter información sobre algún trámite, un de cada catro faino para descargar formularios e só un de cada seis acábao enviando cumprimentado.

O informe tamén analiza o uso do DNI-e, unicamente o 27,5% dos españois dispoñen del. Castela e León co 41,8% e Galicia co 35% exhiben as maiores porcentaxes de uso. Con todo, a comunidade mais destacada é A Rioxa onde un de cada doce rioxanos posúe o DNI-e e utilízao activamente nos seus trámites. Na outra banda, os cántabros, só o 0,8% utilízano. Madrileños e cataláns tamén teñen posicións moi baixas de uso do DNI-e.

Uso nas empresas
O 51,8% de empresas utilizan o goberno electrónico para devolver os impresos cumprimentados e o 50,6% para xestionar completamente un procedemento. Cuestións máis delicadas como a licitación pública ou a realización dunha proposta comercial son empregadas apenas polo 9,4% das compañías.

As medianas e grandes empresas son as que realizan máis xestións en liña co Goberno. As empresas de Cataluña (58,6%) e de Navarra (58%) son as que mostran máis tendencia á completa xestión de trámites en liña. As empresas rioxanas (62,5%) son as que máis utilizan o goberno electrónico para enviar formularios cumprimentados, seguidas das navarras (58,2%) e situadas en Madrid (57,8%).