Novos estudos esvaecen a alarma sobre a presenza da infancia en Internet

Data: 
25/01/2011

Unha rede de investigación, dirixida pola Escola de Economía de Londres (LSE), levou a cabo o estudo ‘EU Kids Online’ en vinte e cinco países europeos, facendo fincapé nos usos, as actividades, os riscos e a seguridade das experiencias que os nenos teñen con Internet. O estudo foi financiado no marco do Programa para un Internet máis Seguro ('Safer Internet Programme'), que promove unha maior seguridade no uso de Internet por parte dos nenos e os mozos, e a loita contra os contidos e as condutas que se consideran ilegais e prexudiciais.
Os resultados da investigación mostran que os pais e os fillos manteñen unha relación máis harmónica á hora de abordar o uso que se fai de Internet en comparación co uso da televisión. Con todo, o estudo sinala que aproximadamente o 50 % dos pais cuxos fillos tiveron problemas na Rede non eran conscientes das dificultades ás que se enfrontaron os seus fillos.
O estudo, no que participaron un total de 25.140 usuarios de entre 9 e 16 anos e os seus pais, transcorreu entre maio e agosto de 2010. Os voluntarios foron enquisados na súa casa durante este período.
Os investigadores observaron que o 93 % dos mozos/as de entre 9 e 16 anos conéctanse a Internet polo menos unha vez á semana, e que o 60 % conéctanse cada día ou durante a maior parte da semana. Dedican uns 90 minutos a navegar por Internet cada día. Aproximadamente a metade deles afirma que lles resulta máis fácil ser “eles mesmos” en Internet, mentres que teñen dificultades cando se enfrontan a unha contorna «cara a cara». Os nenos e mozos procedentes de familias de baixo nivel socioeconómico teñen máis probabilidades de describirse deste xeito.
Os menores de Dinamarca e Suecia son os que máis pronto empezan a usar Internet (7 anos), seguidos polos doutros países do norte de Europa (8 anos) e polos de Francia (9).
A investigación tamén mostra que o 87 % dos mozos europeos navegan por Internet desde casa, o 63 % na escola, o 53 % con amigos e o 42 % con outros familiares. Case o 50 % prefire usar Internet desde a comodidade das súas habitacións, mentres que o 39 % prefire un espazo compartido.
Os datos mostran que a maioría dos mozos participan en redes sociais e que a súa actividade se intensifica conforme van medrando. O 81 % dos mozos/as de entre 15 e 16 anos teñen perfil nunha rede social, fronte ao 59 % dos menores de entre 9 e 16 anos e o 26 % dos que teñen 9-10 anos de idade. Case un cuarto dos perfís son públicos, sendo maior a proporción de mozas que manteñen perfís privados.
A maior parte dos mozos comunícanse con persoas que coñecen ou que son amigos de amigos. Os achados revelan que un de cada catro nenos comunícase con descoñecidos a través de xogos, chats ou mundos virtuais.
Con respecto aos dous principais problemas relacionados con Internet aos que se enfrontan os menores, os expertos sinalan un uso excesivo de Internet e o acceso a contidos prexudiciais. Os achados mostran que o 21 % dos menores de entre 11 e 16 anos atópanse con contido prexudicial.
Unha desagregación mostra que o 12 % do contido prexudicial está vinculado a mensaxes de odio dirixidos contra colectivos específicos; o 10 % é contido que favorece a anorexia nerviosa; o 7 % fomenta a automutilación; o 7 % refírese ao consumo de drogas; e o 5 % trata sobre o suicidio. O Estado membro da UE menos afectado polos contidos prexudiciais é Francia, xa que só o 14 % dos seus mozos vese afectado, fronte á media do 21 % entre os menores europeos e o 43 % dos checos e noruegueses.
Os datos indican que o 23 % dos mozos de 11 a 16 anos que se enfrontan a experiencias negativas sofren falta de soño, problemas escolares e descoido das súas amizades. Segundo os expertos, os mozos máis afectados polos problemas en Internet son unha pequena minoría do 12 %.
O estudo tamén destaca que os profesores poden desempeñar un papel fundamental de asesoramento, sobre todo para os menores de máis idade e os menores procedentes de familias de baixo nivel socioeconómico.
Menores e redes sociais
Segundo o estudo “Menores y Redes Sociales”, elaborado no Estado español polo Foro de Generaciones Interactivas, baseado nunha enquisa a nenos e adolescentes de idades comprendidas entre os 10 e os 18 anos, os usuarios máis novos utilizan as redes sociais para afianzar as súas relacións do mundo real.
O informe pon de relevo que a presenza nas redes sociais non entorpece a capacidade crítica. Fronte aos adultos, que senten fascinación polas oportunidades que brinda a Rede, os máis pequenos non abdican dos seus xuízos e opinións. Con todo, os internautas de menor idade aínda non son conscientes da abolición da privacidade que en moitos casos supón colgar unha foto ou un vídeo.
O estudo, que conta coa participación de 13.000 estudantes, pon de relevo que un 65% dos enquisados non atopa perigos en Internet. Con todo, un 40% dos usuarios avanzados consideran que están exentos de riscos. O 22% destes últimos cre que pode subir a Internet calquera foto ou vídeo. Por sexos, os homes que fan un uso intensivo das redes son máis temerarios que as mulleres, di o informe.
Internet como ferramenta educativa
O estudo conclúe que o aproveitamento de Internet como ferramenta educativa non acaba de impoñerse nas escolas. Segundo o alumnado consultado, a metade dos profesores aínda non utilizan nin recomendan a Rede como elemento de apoio para o estudo. O 50% restante admite ter mestres que lles animan a navegar, ben co seu exemplo, ben coas súas orientacións prácticas. Apenas un 4% dos nenos e adolescentes aseguran que os seus profesores son usuarios e prescriben o bo uso de Internet.
Redes sociais
Un 35% dos menores que navegan por Internet no Estado español, teñen dous ou máis perfís nas distintas redes sociais. A afección por compartir fotos e vídeos nestas páxinas é tal que un 70% dos menores españois están apuntados a unha páxina deste tipo.