As mulleres representan o 38,6% do total de traballadores do hipersector TIC galego

Data: 
31/01/2015

A porcentaxe de mulleres traballadoras no Hipersector TIC, que integra o sectores tecnolóxico e de contidos,  é do 38,6%, un valor semellante ao dos últimos tres anos. No Sector Contidos é onde se rexistra a menor fenda de xénero, cunha porcentaxe de traballadoras do 41,4%.
Son datos afastados das cifras xerais do mercado laboral galego, no que a porcentaxe de mulleres en alta laboral na Seguridade Social sitúase no 47,2%. Unha das principais causas desta baixa representación feminina no eido tecnolóxico, tanto a nivel europeo como galego, reside na escasa predisposición da muller a escoller estudos no ámbito TIC.
Estas son algunhas das conclusións recollidas nunha nova edición do estudo temático “As mulleres e as TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
A fenda de xénero no sector contidos é máis reducida que no sector TIC
No caso do sector TIC galego, as mulleres representan o 37,7% do total de traballadores, manténdose en valores estables nos tres últimos anos.  A incorporación de mulleres ao sector Contidos  sitúa a porcentaxe feminina nun 41,4%.
Outro dato que constata o déficit na representatividade feminina do sector TIC galego é que só a metade das empresas TIC galegas contan con algunha muller entre o seu persoal.
O emprendemento feminino no Hipersector TIC é reducido. Só 3 de cada 10 autónomos do Hipersector TIC son mulleres e esta situación mantense practicamente invariable nos últimos 4 anos.
A formación académica das mulleres das empresas TIC galegas
Mentres que o 33,4% dos traballadores do sector TIC son homes que contan con formación TIC de grao medio ou superior, só o 11,7% dos traballadores son mulleres que dispoñen da mesma formación académica. Estas porcentaxes son un reflexo da aínda escasa presenza das mulleres en carreiras tecnolóxicas, o que constitúe unha das barreiras para a plena incorporación das mulleres ás empresas TIC.
Tamén cabe salientar, a significativa fenda existente nos traballadores do sector TIC con ciclos formativos Superiores TIC: 21% de homes fronte a tan só un 3,7% de mulleres.
Os roles das mulleres no cadro de persoal das empresas TIC galegas
O estudo do Osimga indica que o 16,4% das mulleres que traballan no sector desenvolve funcións TIC, fronte ao 64,5% dos homes. No caso do persoal non dedicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (6,6%) é só 1,9 puntos inferior á dos homes (8,5%).
O persoal que traballa nos departamentos de I+D+i das empresas é claramente masculino, cunha representación do 82,9%, fronte un 17,1% de mulleres..
Recomendación europea
Dende a Comisión Europea estanse a tomar unha serie de medidas encamiñadas a fomentar a inserción da muller nos estudos relacionados co sector TIC, focalizando as súas accións en dar a coñecer os beneficios que ofrecen os traballos TIC ás mulleres, como por exemplo: menos desemprego xa que é un sector en auxe, horarios máis flexibles, que permiten conciliar mellor a vida laboral e familiar e maiores salarios xa que as mulleres do sector TIC gañan un 9% máis que as traballadoras doutros sectores.
Entre as iniciativas para vencer o desinterese polas TIC, cómpre destacar: “Every Girl Digital”, que fai énfase na divulgación das tarefas diarias das propias mulleres que traballan no ámbito das TIC
A Axenda Dixital de Galicia recóllense liñas de actuación referidas á participación das mulleres na Sociedade da Información, fomentar o Voluntariado Dixital e a Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (Cemit) para impulsar as TIC entre as mulleres e levar a cabo programas formativos orientados a mulleres e asociacións de mulleres, que incentiven unha maior participación  das mulleres nas ensinanzas técnicas relacionadas coas TIC.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.org
Informe completo