As mulleres representan o 38% dos empregados do sector TIC galego e só o 17% desempeña funcións tecnolóxicas

Data: 
04/06/2013

A representatividade das mulleres nas áreas de dirección das empresas galegas sitúase por debaixo do 30% e concentran a súa actividade maioritariamente en actividades administrativas, tamén no caso das empresas tecnolóxicas. É unha das principais conclusións do primeiro informe “A incorporación das Mulleres Tecnólogas ao mercado laboral en Galicia. As Mulleres na Sociedade da Información”.
Este monográfico, elaborado polo Observatorio para a Sociedade da Información de Galicia (Osimga) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, enmárcase nas actividades da Unidade de Muller e Ciencia, que preside a Secretaría Xeral da Igualdade. O obxectivo de estudo é ter unha radiografía o máis ampla posible das desigualdades de xénero no uso das TIC e da presenza feminina nos cadros directivos das empresas e no sector tecnolóxico de Galicia. O informe está dispoñible na ligazón: http://www.osimga.org/export/sites/osimga/gl/documentos/d/20130604_Mulleres_sociedade_informacion.pdf
Estrutura de persoal nas empresas
Tanto nas microempresas como nas empresas de máis de 10 empregados a porcentaxe de homes e superior á de mulleres, que supoñen un 30,7% dos traballadores no primeiro caso e un 27,1% no segundo. En ambos segmentos empresariais as mulleres desenvolven funcións principalmente administrativas, un 66,4% nas empresas de menos de 10 empregados, onde case duplican a porcentaxe de homes, e un 54,7% nas de máis de 10 traballadores.
Estas cifras invértense no caso dos postos directivos. Nas microempesas só o 27,75% das funcións directivas son desenvolvidas por mulleres. Sen embargo, a formación das mulleres en titulacións medias e superiores neste segmento empresarial é semellante ao dos homes mentres que a presenza feminina con estudos secundarios e primarios é moi baixa en relación aos homes.
Nas empresas de máis de 10 empregados a porcentaxe de mulleres directivas descende ata o 20,7% e, ao contrario que nas microempresas, as mulleres con titulacións medias e superiores representan pouco máis da metade que os homes.
Sector Tecnolóxico
O sector tecnolóxico galego conta con máis de 15.000 traballadores dos que o 38% son mulleres. Sen embargo só o 17,3% se dedica á funcións TIC fronte ao 52,9% de homes. Pola contra no persoal adicado a tarefas administrativas ou de xestión a porcentaxe de mulleres (13,9) é bastante similar a dos homes (12,1%) ao contrario do que sucede no resto do tecido empresarial galego. A porcentaxe de mulleres en postos directivos nas empresas do sector sitúanse en torno a un 20%.
A formación dos homes nas empresas tecnolóxicas é máis específica que a das mulleres. Mentres que o 26,75 dos traballadores do sector posúen formación TIC de grao medio superior só o 11,4% das mulleres están na mesma situación.
Estes datos reflicten a situación das mulleres nas titulacións TIC en Galicia. No curso 2010-2011 dos 309 titulados en carreiras tecnolóxicas nas tres universidades galegas só o 66% eran mulleres. É dicir, que representan só un 22,5% dos titulados nestes estudos.
As mulleres na I+D+i das empresas TIC
As empresas do sector tecnolóxico teñen como media 1,17 traballadores que se dedican a tarefas relacionadas con I+D+i. Do total do persoal dedicado a I+D+i nas empresas TIC galegas, un 81,6% son homes e o restante 18,4% son mulleres, o que amosa unha clara masculinización desta actividade no sector TIC.
En relación ao ano 2010, a porcentaxe de mulleres nas tarefas de I+D+i nas empresas TIC incrementou 1,3 puntos, pasando do 17,1% ao 18,4% de 2012.
Fenda Dixital de Xénero
O estudo presentado hoxe, amosa tamén os últimos datos sobre o uso de internet e as TIC por parte do colectivo feminino, e que constatan a fenda dixital de xénero que se rexistra tamén a nivel estatal e europeo.
En Galicia está fenda dixital reduciuse a metade desde 2011 e está nos 6,8 puntos. Ademais en 2012 a porcentaxe de mulleres usuarias de Internet supera o 60% por primeira vez nos últimos catro anos.
Cómpre destacar que no grupo de idade entre os 35 e 44 anos, as mulleres superan aos homes no emprego do ordenador e da internet. (92% fronte a un 84%)
No uso de comercio electrónico a porcentaxe de homes usuarios (30%) case duplica ao das mulleres (15%). A pesar das diferenzas o seu uso crece en ambos casos 5 puntos entre as mulleres e 10,6 puntos nos homes en relación ao 2010.
En canto a telefonía móbil, sitúase no 95,3% nos homes e no 89,1% nas mulleres. Destacar que acada o 100% na mocidade (16-34 nos) e decrece a partir do 45 anos á vez que aumenta a fenda de xénero nos tramos de maior idade.