As microempresas galegas experimentaron no último ano un incremento global nos indicadores do uso das TIC que as fan converxer, por primeira vez, coa media estatal na dispoñibilidade de ordenador, conexión a Internet e páxina web. O 64,9% das microempresas galegas dispón de acceso a Internet situando a Galicia no sétimo posto no ranking de CCAA fronte ao 16 da enquisa anterior e a menos de 1 punto da media estatal.
En canto ás empresas galegas de 10 ou máis asalariados, a práctica totalidade (98,5%) dispón de ordenador e conexión a Internet (98,2%), lixeiramente por riba da media estatal (98%). Neste segmento empresarial a Comunidade supera ao conxunto do Estado no uso do software libre, da recepción da factura electrónica, na sinatura dixital e na velocidade e calidade da banda larga contratada.
Así se recolle na enquisa “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2012/2013” publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)
Velocidade de banda larga de calidade, superando á media estatal
A práctica totalidade (99,3%) das empresas galegas de 10 ou máis empregados con conexión a Internet, ten contratada banda larga. Un 56,4% conta cunha velocidade entre 2 Mbps e 10 Mbps, superando a media estatal que se sitúa no 55,1%. No tramo de velocidade entre 10 Mbps e 30 Mbps, a porcentaxe é do 29,6%, de novo por riba da media estatal (29%). Entre as empresas galegas con conexión a Internet, case o 65% accede á Rede a través de telefonía móbil de banda larga.
Un 98,1% das empresas galegas deste segmento dispón de correo electrónico, 0,3 puntos por riba da media estatal e un 95,1% dispón de telefonía móbil, 0,4 puntos máis que a media estatal.
Por outra banda, o 64,4% destas empresas dispón de páxina web. Un 26,6% das empresas galegas de 10 e máis traballadores recibiu facturas electrónicas, superando en medio punto á media estatal. En canto ás ferramentas de xestión empresarial, os ERP son usados no 31% das empresas galegas deste segmento empresarial, case 6 puntos máis que no ano 2012 e o 26,6% empregan aplicacións para xestionar a información dos clientes (CRM)
Novas solucións TIC no ámbito empresarial: Cloud Computing e Redes Sociais
As tecnoloxías cloud están chamadas a desempeñar un papel moi destacado como forma de acceso a servizos TIC avanzados cun custo axeitado á actual conxuntura económica. Un 16,3% das empresas galegas de 10 e máis traballadores empregaron solucións de Cloud Computing, destacando nos ámbitos de Almacenamento, Backup e Software.
As redes e medios sociais están a converterse nun escaparate privilexiado para que as empresas mostren a súa oferta de produtos e servizos. Un 25,6% das empresas galegas de 10 e máis empregados utilizaron algún tipo de red social (Facebook, Linkedin, Google+,etc), fronte ao 29,1% da media estatal. Un 11,6% empregou canles para compartir contidos multimedia (Youtube, Flickr, etc) e un 10,5% fixo uso de blogs ou Twitter.
O principal uso dos medios sociais en Galicia está dirixido ao desenvolvemento da imaxe da empresa e dos seus produtos. Un 20,2% das empresas galegas de 10 e máis empregados que utilizaron medios sociais, fixérono con esta finalidade de marketing e publicidade. Ademais o 14,7% utilízano para intercambiar opinións con clientes.
A eAdministración, elemento tractor do uso das TIC
A eAdministración é un elemento tractor para impulsar a implantación e uso das TIC no sector empresarial. Un 88,4% das empresas galegas de 10 e máis empregados interactuou coas AAPP a través de Internet, un 2,7% máis que no ano anterior. Os usos máis frecuentes na relación coas AAPP a través de Internet son a obtención de información e os relacionados coa descarga de formularios e a declaración de impostos.
Cabe salientar que os indicadores que marcan a interacción a través de Internet entre as empresas deste segmento e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia están por riba da media estatal, tanto na obtención de información como na descarga e cumprimentación de impresos. Así, un 57,3% das empresas galegas obtivo impresos da web da Xunta de Galicia, 3 puntos máis que a media do Estado.
Software Libre e sinatura dixital
As empresas galegas de 10 e máis empregados superan á media estatal no uso software libre. Practicamente tres de cada catro emprega software de código aberto, 3,9 puntos máis que a media estatal.
Un 72,4% das empresas galegas deste segmento con conexión a Internet emprega a sinatura dixital, superando a media estatal en 0,6 puntos. Das empresas galegas que fan uso da mesma, o 97,3% emprégana para relacionarse coas AAPP e un 18,5% para relacionarse con provedores e clientes.
Microempresas
No período 2012-2013, o uso das TIC nas microempresas galegas experimentou un crecemento considerable que permite converxer coa media estatal ordenador, Internet, e páxina web e mesmo superar a media estatal no uso de telefonía móbil.
Así, un 71,2% das microempresas galegas dispón de ordenador, fronte ao 71,6% do Estado. O crecemento deste indicador en Galicia foi dun 13,6%, moi superior ao crecemento estatal (0,4%), reducindo a fenda de 8,58 puntos a 0,4 puntos.
En canto á conexión a Internet, o 64,9% das microempresas galegas xa dispón de conexión á Rede, experimentando un crecemento do 12,3% no último ano fronte ao incremento do 0,8% do conxunto do Estado. Neste indicador, a diminución da fenda dixital foi de preto de 6,61 puntos.
Entre as microempresas que contan con conexión a Internet, un 90,8% dispón de banda larga fixa e un 52,2% de banda larga móbil. A contratación de banda larga móbil nas microempresas medrou un 35,2%.
A porcentaxe de empresas con menos de 10 asalariados que dispoñen de telefonía móbil acada o 76,7%, superando a media estatal en 2,1 puntos (74,6%).
Un 28,1% das microempresas con conexión a Internet dispón de páxina web, un 15,2% máis que o ano anterior, cunha diferenza de tan só 1,2 puntos coa media estatal (29,3%), que se traduce nunha diminución da fenda en 3 puntos.
Data:
25/06/2013