Medra a implantación das TIC na pequena e mediana empresa

Data: 
16/02/2011

Elaborado por Fundetec en colaboración coa Dirección Xeral de Política da PEME (DGPYME), esta análise sectorial conta coa participación das asociacións máis representativas de cada un do nove sectores analizados. Esta terceira edición do estudo basease da información recompilada a partir de 3.100 enquisas realizadas a pemes de todo o territorio estatal dedicadas aos nove sectores xa mencionados, tomando unha mostra proporcional ao universo de empresas existentes dentro de cada sector. Se en 2009 a análise mostraba unha elevada disparidade no grao de adopción e utilización do TIC nos diferentes sectores, en 2010 o nivel de implantación do TIC comeza a converxer.
Principais indicadores tecnolóxicos
O conxunto de sectores analizados no ‘Informe ePyme 2010’ representa o 42% do Produto Interior Bruto, o que converte esta análise na principal referencia para o estudo da implantación das TIC na Peme.
Segundo os datos publicados polo Observatorio Nacional de Telecomunicacións e Sociedade da Información (ONTSI), en 2010 o 66% das microempresas xa dispón de ordenador, o que supón un 1,6% máis que en 2009, mentres as pemes ascenden ao 98%, 0,8 puntos máis que o ano anterior. Dos nove sectores analizados, sete están por riba do 95% de penetración do computador e produciuse un importante adianto en transporte e no comercio polo miúdo con respecto ao ano anterior, sendo non obstante os sectores nos que as TIC teñen menos presenza.
A penetración da telefonía móbil experimentou un aumento na maioría dos sectores que recolle este documento. Como se agardaba, isto reflíctese nos sectores cuxos empregados desempeñan as súas funcións fóra da oficina: loxística (96%), transporte (95%) e infraestruturas de telecomunicación (91%).
En canto ás aplicacións informáticas utilizadas, as máis comúns son as ofimáticas, as de facturación e contabilidade. Así, loxística, hostaleiro e téxtil e confección son os sectores que máis utilizan estas ferramentas, producíndose un incremento respecto da pasada edición. No caso do sector hostaleiro, as aplicacións máis utilizadas son a xestión de reservas (89%); no de téxtil e confección é a facturación en liña (94%); mentres no loxístico son os sistemas de xestión informatizada de entrega a clientes finais (77%).
Respecto da presenza en Internet, destacan os sectores hostaleiro (94%), turismo rural (88%) e loxístico (85%), para os que a Rede é o principal instrumento de mercadotecnia e comercialización da súa oferta, xunto á presentación da entidade.
O uso do comercio electrónico baixou respecto ao ano anterior en todos os segmentos empresariais, aínda que se observa un tímido avance na venda en liña de produtos ou servizos, sobre todo en pemes de máis de 50 empregados. Os sectores hostaleiro e turismo rural son os que máis uso fan do comercio electrónico - como canle de venda-, pola natureza dos produtos ou servizos que ofrecen.
Por primeira vez, o 'Informe ePyme' analizou a xestión da mobilidade TIC que realizan as empresas dos diferentes sectores. Os que contan coa porcentaxe máis elevada de empresas que proporcionan ás súas empregados ferramentas TIC para desempeñar as súas funcións en mobilidade son os sectores transporte (97%) e loxística (83%). Tamén destacan agroalimentario (76%) e Infraestruturas de Telecomunicación (70%), mentres no resto, a utilización de ferramentas en mobilidade non supera o 50% das empresas.
Outra novidade desta edición é o uso que fan as pemes da Administración electrónica; este depende, principalmente, do tamaño da empresa, pois hai unha grande diferenza entre as microempresas (38,8%) e as pemes (67,8%). Esta variación tamén se apreza entre os sectores analizados, dado que, nos que contan con maior número de pemes (loxística, hostaleiro e téxtil e confeción), utilizan a Administración electrónica moito máis que os sectores con maior porcentaxe de microempresas e autónomos (comercio polo miúdo, transporte, turismo rural e artesanía).
O fenómeno das redes sociais tamén está presente no informe, xa que as empresas comezaron a explotar as posibilidades destes servizos no ámbito profesional. Aínda que no conxunto das microempresas e pemes o seu uso como ferramenta de apoio aos procesos de negocio aínda non está xeneralizado, os sectores máis activos son o hostaleiro (57%) e o turismo rural (47%), que á súa vez son os máis avanzados na utilización de Internet como canle de mercadotecnia e comercialización.
Niveis tecnolóxicos por sectores
O sector que maior uso fai das TIC nos seus procesos de negocio continúa a ser o hostaleiro, tanto a nivel de infraestrutura básica (ordenador, Internet, telefonía móbil) como de ferramentas de xestión (facturación e contabilidade), presenza en Internet e de ferramentas específicas para a súa cadea de valor. O informe asegura que estas empresas están a aproveitar os beneficios que as tecnoloxías lles reportan en termos de “incremento de competitividade”.
Nun segundo chanzo sitúanse os sectores de loxística e turismo rural, cunha alta penetración de infraestrutura TIC básica e ferramentas de xestión, aínda que con menor uso de aplicacións específicas. Tamén destaca a presenza do sector agroalimentario como un dos máis avanzados na utilización do TIC. A gran diferencia respecto á análise de 2009 é o significativo avance experimentado polo transporte e o comercio polo miúdo, aínda que son os sectores con menor implantación das TIC; aínda así, comezan a achegarse ao resto, especialmente na infraestrutura TIC básica.
Recomendacións
Dacordo coa análise dos puntos febles identificados, o informe ofrece unha serie de recomendacións xerais para todos os sectores, dirixidas tanto ás administracións públicas como aos implantadores e provedores tecnolóxicos. Entre elas, destacan as seguintes: Procurar sinerxías de cooperación entre as asociacións representativas de cada sector, a Administración e as entidades privadas; Impulsar a formación e a capacitación tecnolóxica axeitada dos traballadores e empresarios dos diferentes sectores; Facilitar a integración e interoperabilidade entre plataformas e sistemas tecnolóxicos.