Máis do 95% da poboación galega dispón de cobertura de banda larga

Data: 
15/01/2013

O obxectivo “Broadband coverage for all”, establecido para o ano 2013 pola Axenda Dixital para Europa, cumprirase previsiblemente mediante o despregamento de redes fixas e sen fíos, no 97% dos casos, e o restante 3% a través de conexións vía satélite nas zonas máis illadas.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) facilita os datos correspondentes á conectividade a Internet a través da banda larga en Galicia para o período 2010 -2013. Actualmente, máis do 95% de galegos dispoñen de cobertura de banda larga. Dende a posta en marcha do Plan, a mediados de 2010, facilitouse o acceso á rede a máis de 636.000 galegos, dos 786.000 que carecían deste servizo dous anos antes. A día de hoxe, o 72% dos concellos galegos (un total de 226 entidades locais) teñen o 90% da poboación con cobertura de Internet, fronte aos dous concellos que acadaban esta porcentaxe no ano 2010.
As actuacións realizadas no marco do Plan de Banda Larga permitiron dotar de acceso á Internet uns 576 centros de servizos públicos (centros educativos e sanitarios, farmacias e xulgados) e 19 polígonos industriais, que non dispoñían deste servizo con anterioridade. Neste ano 2013 dispoñen de banda larga de calidade o 97% dos centros educativos (fronte ao 77% en 2010), o 98% dos centros sanitarios (66,5% en 2010), o 99% dos xulgados (8 puntos máis que no 2010), o 99% das farmacias (6 puntos máis que no 2010) e o 99% dos parques empresariais (17 puntos máis que no 2010).
Na procura do equilibrio territorial entre as provincias do interior e a costa, así como entre as áreas rurais e urbanas incrementouse a porcentaxe de galegos con acceso á rede do 71% ao 95%. Un crecemento especialmente significativo nas provincias do interior, pois en Lugo pasouse dun 54% de cobertura a máis do 90% a finais de 2012; en Ourense do 58% ao 96% mentres que na Coruña incrementouse a poboación con posibilidade de acceso á rede do 75% aos 95% e en Pontevedra do 78 ao 97%. Estes avances reduciron a fenda dixital ata o 3% entre as provincias do interior e as do eixo atlántico, fronte ao do 20% existente antes da posta en marcha do Plan de Banda Larga.
Poden consultarse os datos actualizados do Plan na seguinte ligazón