Máis do 84% das PEMES galegas empregan Software Libre

Data: 
19/05/2016
  • Os programas libres con maior implantación son os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas
  • O crecemento do Software Libre nas empresas informáticas galegas continúa a súa escalada, incrementándose en 2 puntos no último ano e situándose no 86,7%
  • No último ano aumentou en máis de 7 puntos a porcentaxe de empresas informáticas, provedoras de solucións TIC, que venden Servidores web e Servidores de correo
  • Máis da metade das empresas informáticas galegas considera que a tendencia de software libre no mercado será expansiva

 
O uso dos Software Libre nas empresas galegas de 10 ou máis traballadores sitúase no 84,9%, por riba doutras Comunidades Autónomas como Madrid, Cataluña ou o País Vasco. No caso das microempresas a porcentaxe de uso é menor, aínda que segue a incrementarse respecto a 2014, e acada o 52,1%.  
 
En canto ás empresas informáticas galegas, o uso do Software Libre crece en 2 puntos respecto ao ano anterior e sitúase no 86,7%. Son datos recollidos nos dous estudos sobre “O uso de Software libre nas empresas e no sector TIC de Galicia. Ano 2015”, publicados hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Estes estudos enmárcanse nas actuacións de impulso do Software libre que se establecen no Plan de Acción Software Libre anual que desenvolve a Amtega.
 
En termos evolutivos, os datos dos estudos amosan tamén que o uso do Software libre nas empresas informáticas galegas, aumentou 3,8 puntos nos ordenadores e 3,6 puntos nos servidores. Cómpre salientar que a porcentaxe de empresas informáticas con servidores que empregan sistemas operativos libres supera a porcentaxe das que empregan sistemas operativos privativos.
 
Tipoloxía de software empregado
Os programas libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas. No último ano, incrementouse en 4,4 puntos o uso de sistemas operativos de Software libre nas grandes empresas galegas (dun 35,1% ao 39,5%). Este indicador tamén sube lixeiramente entre as microempresas galegas chegando ata o 18,6% (1,4 puntos porcentuais máis que o ano anterior). 
 
A comparativa entre Software Libre e Software Privativo nas empresas informáticas galegas mostra que o Software Libre é maioritario, cunha diferenza substancial, no que se refire a software para a “Xestión de contidos web”, superando ao Privativo en 16,7 puntos porcentuais. As aplicacións de Software Libre para a “Educación e formación a distancia”, “Desenvolvemento de software” e “Aplicacións de deseño gráfico” superan tamén ás correspondentes aplicacións de Software Privativo.
 
Non obstante, o Software Privativo supera amplamente ao Libre no caso das aplicacións: “Xestión de correo”, os “Antivirus e seguridade”, “Ofimática” e a “Xestión empresarial”.
 
As empresas informáticas galegas como provedoras de solucións TIC
Entre as empresas informáticas galegas que se adican á venta de software, máis da metade (55,6%) ofertan produtos de software libre aos seus clientes, principalmente:  “Sistema de xestión de bases de datos” (37,6%), “Servidor web” (37%) e os sistemas de “Xestión de contidos de portais e páxinas web” (36,2%).
 
Constátase unha evolución dos produtos de software libre ofertados no último ano, cun incremento de máis de 7 puntos porcentuais na porcentaxe de empresas informáticas que venden Servidores web e Servidores de correo. O Software vinculado á optimización da xestión empresarial tamén experimentou un forte impulso no último ano, cun aumento de 4,3 puntos no caso da “Xestión de procesos de negocio, BPM” e de 3,3 puntos nas aplicacións de “Intelixencia de negocio, BI”.
 
Debilidades e fortalezas do software libre
A “Incompatibillidade cos sistemas e interlocutores actuais”, a “Complexidade ou o risco do cambio” e a “Falta de formación” son as principais barreiras que argumentan as empresas galegas para non empregar Software Libre. 
 
Entre as medidas máis citadas polas empresas informáticas para promocionar o uso do Software Libre continúan a ser un ano máis as “Axudas e subvencións” cun 38,1%, xunto coa de “Formación directa aos usuarios/as en Software Libre”  (32,6%) e a “Demostración de funcionamento dos produtos SL” (32,3%)..
 
En relación ás fortalezas, os principais aspectos que valoran os clientes do Software Libre son: o custo, cun 79,9%, seguido xa, a distancia, da independencia do provedor (46,1%).
 
As empresas son optimistas de cara a expansión do modelo de negocio de Software Libre: O 50,8% das empresas informáticas galegas apostan por unha tendencia positiva de uso do Software Libre no mercado, considerando que este aumentará e un 7,8% das empresas que na actualidade non comercializan con Software Libre, afirman que nos próximos dous anos ofrecerán algún tipo de produto deste tipo.
 
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.org
 
 
Ligazón ao informe "O Software libre nas Empresas"
Ligazón ao informe "O Software libre nas Empresas Informáticas"