Máis do 35% dos galegos ten competencias dixitais avanzadas

Data: 
30/10/2021
  • A porcentaxe poboación con este nivel de habilidades dixitais incrementouse nun ano en  preto dun 22%, fronte ao 13,9% do crecemento estatal
  • O 72,5% de galegos acada o nivel avanzado en competencias dixitais en actividades relacionadas coa información
  • As competencias dixitais para a comunicación online son as que máis están a medrar entre a cidadanía galega
  • Máis da metade da poboación galega ten competencias avanzadas na resolución de problemas como o uso da banca electrónica ou as compras en liña
  • O 40,4% dos galegos anos teñen habilidades avanzadas no uso de software.
  • As competencias avanzadas están máis estendidas entre as persoas de 16 a 24 anos (65,4%) e tamén entre os estudantes (86,9%) 
  • En  xaneiro de 2022 entrará en vigor o Marco Galego de Competencias Dixitais que permitirá a calquera persoa maior de 16 anos poida acreditar o seu nivel de coñecemento, capacidade e aptitude no eido dixital.
  • Santiago de Compostela, outubro de 2021.-. O 35,3% de  galegos e  galegas de entre 16 e 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, é dicir, fai un uso superior ao básico na busca de información, a comunicación, a resolución de problemas e o uso de software. Nun ano, entre 2019 e 2020 a porcentaxe de poboación galega con este nivel competencial rexistrou un crecemento relativo do 21,7%, a bastante distancia do incremento nacional que foi de 13,9%.

O 35,3% de  galegos e  galegas de entre 16 e 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, é dicir, fai un uso superior ao básico na busca de información, a comunicación, a resolución de problemas e o uso de software. Nun ano, entre 2019 e 2020 a porcentaxe de poboación galega con este nivel competencial rexistrou un crecemento relativo do 21,7%, a bastante distancia do incremento nacional que foi de 13,9%.

Son datos do estudo “Competencias Dixitais da poboación galega 2020”  publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).  O Informe analiza as habilidades dixitais dos galegos na busca de información online, a comunicación a través de internet, a resolución de problemas e a utilización de software en catro niveis: sen competencias, competencias baixas, competencias básicas e competencias avanzadas.

Competencias avanzadas na busca de información e na comunicación

O 72,5% dos galegos de 16 a 74 anos teñen habilidades avanzadas na busca de información, especialmente na procura de información sobre bens e servizos e sobre saúde. Cómpre sinalar que Galicia rexistrou un incremento neste indicador do 10,7% respecto ao ano anterior fronte ao 7,5% da media estatal. 

En canto ás habilidades relacionadas coa comunicación, a porcentaxe de galegos con competencias avanzadas neste eido acada o 68,4%. Este indicador é o que máis medra na comunidade, cun crecemento do 17,9% respecto ao ano anterior. Un incremento relacionado, posiblemente, cun maior uso das comunicacións online como as videochamadas. 

Resolución de problemas e uso de software

Máis da metade da poboación galega (54%) ten competencias avanzadas en resolución de problemas, como o uso da banca electrónica, que empregan o 58,% dos galegos ou as compras online que realizan o 55,3%. Este indicador creceu nun 2,5% entre 2019 e 2020.

Respecto ao uso de software, o 40,4% da poboación presenta habilidades avanzadas, principalmente, no uso do procesador de texto, seguido da creación de presentacións ou documentos que integren diferentes ficheiros. O incremento destas competencias entre os galegos é dun 7,7% fronte ao 5,5% do conxunto do Estado. 

Idade, nivel educativo e ingresos 

As competencias avanzadas están máis estendidas entre as persoas de 16 a 24 anos (65,4%) e tamén entre aqueles galegos e galegas que actualmente están a estudar (86,9%). 

Por tipo de competencia o 92% dos galegos de 16 a 24 anos teñen habilidades avanzadas na busca de información e máis do 97% na comunicación a internet. As competencias avanzadas na resolución de problemas acadan a porcentaxe do 82,1% dos galegos neste tramo de idade e no uso de software sitúanse no 71,6%. 

Respecto ao nivel formativo as habilidades na contorna dixital son máis frecuente entre persoas con formación universitaria (69,2%) e que conten con ingresos mensuais no fogar superiores aos 3.000 euros ao mes (62,7%). 

Cabe salientar que nas dimensións de Información e Comunicación, as mulleres superan lixeiramente aos homes no nivel avanzado mentres que nas categorías de Resolución de Problemas e Software constátase que existe fenda dixital de xénero (7,1 e 3,7 puntos de diferenza, respectivamente)

Marco Galego de Competencias Dixitais

A Administración autonómica vén de aprobar o Marco Galego de Competencias Dixitais, que entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro de 2022, convertendo a Galicia na primeira Comunidade Autónoma en adaptar ao seu territorio este marco europeo.

Esta media enmárcase na Estratexia Galicia Dixital 2030 para configurar unha sociedade dixital e inclusiva sen deixar a ninguén atrás. De aí que entre os seus obxectivos para o 2025  está acadar que o 70% das persoas galegas teñan competencias dixitais básicas que a lo menos o 50 % sexan mulleres.

O Marco galego de competencias dixitais define os coñecementos, as habilidades e as aptitudes necesarias para o desenvolvemento dunha sociedade dixital e establece a referencia para a obtención da certificación e acreditación deses coñecementos. O novo certificado substitúe á Certificación galega de competencias dixitais e ofimática (CODIX), e nun prazo máximo dun ano estableceranse os criterios para a súa homologación.

A certificación permitirá dispoñer dun mecanismo normalizado de certificación das competencias dixitais por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que faga que calquera persoa maior de 16 anos poida acreditar o seu nivel de coñecemento, capacidade e aptitude no eido dixital.

Haberá dous tipos posibles de certificación. O primeiro refírese á certificación por áreas de dominio competencial, ou agrupación de competencias, destinado aos niveis de aptitudes menores. O seguro tipo serán as certificacións por cada unha das competencias, destinadas aos niveis de aptitude máis avanzados.

As certificacións avaliarán 21 competencias englobadas en 5 áreas de dominio: Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Seguridade e privacidade e Solución dos problemas.

O Certificado Galego de Competencias Dixitais terá unha vixencia máxima de cinco anos, salvo no caso en que se modifique o Marco Galego de Competencias Dixital, no que poderá perder a súa vixencia anticipadamente. Nesa situación, as persoas con certificación terán un prazo de doce meses para renovala.

Adquirir competencias dixitais para “non deixar a ninguén atrás”.

A realización deste informe tamén foi aprobada no Pleno do Osimga, celebrado o 20 de xullo de 2021, como unha nova liña de traballo do Osimga para contribuír a cumprir coas liñas estratéxicas da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030).

Entre as prioridades da EGD2030 atópase o impulso das competencias dixitais do conxunto da cidadanía, necesarias para desenvolverse plenamente con confianza e seguridade no contexto dixital.

Poden consultar os resultados detallados do estudo “Competencias Dixitais da poboación galega” na web www.osimga.gal