Informe sobre a situación das mulleres na Sociedade da Información en Galicia

Data: 
22/03/2013

O compromiso adquirido no Día Internacional da Muller Traballadora do 8 de marzo para reducir a fenda dixital de xénero xustifican a publicación deste primeiro informe específico titulado "As mulleres na Sociedade da Información".

O informe xurde da necesidade de realizar un seguimento da incorporación das mulleres tecnólogas ao mercado laboral en Galicia, no marco das liñas de actuación desenvolvidas pola Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia na que participa a AMTEGA. Con este obxectivo preséntase agora este documento que recolle datos actualizados do uso das TIC na poboación, nas empresas e nas universidades galegas dende a perspectiva de xénero.

A fenda de xénero no uso das TIC
Os datos facilitados polo INE correspondente ao ano 2012 mostran a existencia dunha fenda dixital de xénero no uso das TIC tanto a nivel estatal como autonómico. O colectivo feminino representa unha menor porcentaxe nos indicadores relacionados co uso do ordenador, de Internet, do comercio electrónico e da telefonía móbil.
Os indicadores da Sociedade da Información en Galicia amosan un desequilibrio entre mulleres e homes no uso das TIC, agás no grupo de idades comprendidas entre os 35 e 44 anos, nas que o uso de ordenador e Internet por parte das mulleres é superior aos homes nos últimos tres meses segundo o INE.
Xénero e idade son factores que condicionan o uso do ordenador, de Internet, do comercio electrónico e da telefonía móbil. Dende o ano 2008 identifícase un crecemento progresivo no uso das TIC en ambos sexos e unha redución da fenda de xénero no uso de Internet dende o ano 2011, que pasa dos 13,2 puntos aos 6,8 puntos porcentuais do ano 2012.

A formación TIC das mulleres e a súa incorporación ao mercado laboral
Identifícase unha limitada presenza feminina na formación TIC e na profesionalización das mulleres no sector, especialmente nas áreas de responsabilidade e toma de decisións. A formación académica nas ensinanzas técnicas condiciona a incorporación das mulleres ás empresas do sector TIC. Neste senso, as tres universidades galegas presentan un importante desequilibrio na porcentaxe de mulleres e homes matriculados nas ensinanzas técnicas relacionadas coas telecomunicacións, a informática e a Sociedade da Información.
A Enquisa a Empresas TIC sobre a Sociedade da Información realizada polo OSIMGA no ano 2012 indica que existe unha baixa representatividade do colectivo feminino nas áreas de dirección das empresas galegas, onde as mulleres desenvolven principalmente funcións administrativas. Deste xeito, os homes teñen maior presenza en todos os postos das empresas TIC, agás nos administrativos, que contan cunha maior presenza feminina. Un 11,4% das traballadoras do sector TIC posúe unha titulación específica de grao superior ou medio fronte ao 26,7% de homes.
No sector TIC galego traballan 5.877 mulleres e 9.607 homes, o que corresponde a unha proporción do 38% e o 62% respectivamente no ano 2012. No persoal dedicado a I+D+i nas empresas TIC galegas, un 81,6% son homes e o 18,4% mulleres. En relación ao ano 2010, a porcentaxe de mulleres nas tarefas de I+D+i nas empresas TIC incrementou 1,3 puntos.

Pode consultarse o informe na seguinte ligazón: www.osimga.org