Incrementa un 27% o investimento en comunicación dixital nas empresas

Data: 
04/11/2013

IAB Spain publica a segunda edición do informe “Inversión en Comunicación Dixital” correspondente ao ano 2012.
As empresas consultadas por IAB Spain e Grupo Consultores manifestaron que no ano 2012 decidiron incrementar o seu nivel de investimento en comunicación dixital para ter unha maior visibilidade no mercado.
O investimento en comunicación externa no conxunto do Estado incrementou un 27% no último ano, acadando os 230 millóns de euros. Máis do 50% está destinada a medios propios, onde destaca a páxina web corporativa e a presenza en redes sociais.
A práctica totalidade das empresas consultadas dispón de páxina web (98%) e de perfil en medios sociais (90%). Un dato significativo desta tendencia é que o investimento en medios sociais nas empresas incrementou 24,2 puntos porcentuais no ano 2012.

Gráfica: Investimento en medios sociais por sectores de actividade. IAB Spain
 
Os sectores de actividade que realizan un maior esforzo inversor en comunicación dixital a través de medios sociais están relacionados co entretemento e os servizos, con máis do 70% das empresas consultadas en cada sector.
O 42% das empresas que realizan investimento en comunicación interna declaran que non subcontratan estes servizos porque dispoñen de persoal propio para realizar estas funcións, pero no caso de facelo contratarían axencias creativas e de comunicación.
Este dato coincide con algunhas das conclusións achegadas no informe “A comunicación empresarial en Galicia: Xestión Corporativa e entorno online” publicado esta semana pola consultora galega MundiNova. Na enquisa realizada a 150 grandes empresas de Galicia (ARDAN, 2012) estímase un descenso na externalización de servizos de comunicación corporativa e dixital. Aínda así, un 58% das empresas recoñece que traballa con algún consultor externo de modo habitual ou ocasional.
MundiNova tamén afirma que un 82% das empresas galegas analizadas dispón de páxina web. Un 12% conta cun blogue corporativo para interactuar cos clientes reais e potenciais.
No tocante ás redes sociais, estímase que un 61% das empresas galegas consultadas está presente, como mínimo nunha rede social. Un 41% teñen un perfil en Facebook, o 34% en LinkedIn, o 32% en Twitter e tamén en YouTube.