A Historia clínica electrónica xa abrangue ao 99,9% da poboación galega

Data: 
12/09/2011

Na actualidade, 455 centros de atención primaria en Galicia (o 99% do total), que cobren o 99,9% da poboación, dispoñen de acceso á historia clínica electrónica e á receita electrónica. A estes hai que sumar todos os centros hospitalarios da rede pública do Servizo Galego de Saúde e sete hospitais concertados da Comunidade Autónoma, que tamén están integrados no sistema de historia clínica electrónica IANUS.

As actuacións que o Servizo Galego de Saúde está a levar a cabo nos eidos da historia clínica electrónica, imaxe dixital, e-receita e tarxeta sanitaria –que se completarán a finais deste ano coa integración tecnolóxica de Galicia no SNS- sitúan Galicia á cabeza do cumprimento do Real decreto-lei 9/2011, do 19 de agosto, de medidas para a mellora da calidade e cohesión do Sistema Nacional de Saúde, de contribución á consolidación fiscal e de elevación do importe máximo dos avais do Estado para 2011.

Así, cada mes o número de accesos aos historiais clínicos electrónicos supera os 2.300.000, o que supón un aumento do 30% de utilización respecto a 2010 e un incremento do 100% respecto a 2009.

Ademais, o número de anotacións realizadas polos profesionais da atención primaria nas historias clínicas electrónicas dos seus pacientes supera os 1,5 millóns mensuais, o que supón un aumento do 60% no último ano e do 500% respecto a 2009.

Pola súa banda, no eido da atención especializada a porcentaxe de elaboración de informes de alta accesibles desde IANUS supera xa o 95% do total. Estes informes son accesibles aos cidadáns a través da internet utilizando o DNI dixital.

Ademais, a porcentaxe de rexistro de anotacións na historia clínica nas consultas dos centros hospitalarios duplicouse este último ano, chegando na actualidade ao 66% do total de consultas.

Segundo o Sergas, a dixitalización achega ao sistema sanitario, entre outras vantaxes, unha maior equidade na asistencia, un aumento da calidade asistencial, unha mellora na toma de decisións, rapidez no diagnóstico, eficiencia dos recursos, unha redución no número de desprazamentos do doente, máis seguridade no manexo da información e unha mellora ambiental.

Así, á implantación da historia clínica electrónica e a e-receita hai que engadir outras iniciativas adoptadas polo Servizo Galego de Saúde, como a imaxe médica dixital, que xa se pode visualizar desde todos os hospitais, todos os puntos de atención continuada e desde 192 centros de saúde, que dan cobertura ao 83% da poboación; ou os servizos de telemedicina, que durante os dous últimos anos se incrementaron nun 85%, pasando de 115 a 213, entre outros.