Galicia mantén unha posición destacada no mercado de telefonía do Estado, especialmente no caso do móbil con 8.086 estacións base instaladas e case 1,9 millóns de liñas pospago

Data: 
17/07/2013

A semana pasada presentouse pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións o Informe sobre Comunidades Autónomas e provincias do ano 2012, preséntanse a continucación os principais datos de telefonía fixa e móbil referidos a Galicia.
Telefonía fixa
O uso da telefonía fixa está a sufrir unha diminución en toda España, un -1.6% de media, unha tendencia que se mantén dende o ano 2008. Mais a baixada no caso de Galicia é moito maior, case o 3% no último ano.
No Estado hai 42.4 liñas de telefonía fixa por cada 1000 habitantes e en Galicia 39,2. Por provincias, os mellores datos galegos están na Coruña, 41,6 liñas e os peores en Ourense, 39,7 liñas fixas por cada 100 habitantes. 

Telefonía móbil
O número de liñas de telefonía móbil pospago chegou a finais do ano 2012 a 32,85 millóns, cunha penetración media no Estado de 71,1 liñas por cada 100 habitantes. No caso de Galicia, o número de liñas acadou as 1.872.952, cunha penetración de 68,6 liñas por cada 100 hab. Estes datos fan que Galicia sexa a sexta comunidade coa maior penetración no ranking por comunidades autónomas.
Por provincias, A Coruña é a provincia galega con maior penetración con 72,7 liñas por cada 100 hab. Despois Pontevedra, Lugo e Ourense con 68,5; 63,3 e 60,4 liñas.
No Estado a provincia con maior penetración é Madrid con 91 liñas por cada 10 hab e Teruel é a de menor penetración con  56,3.

En canto ás infraestruturas, Galicia con máis de oito mil estacións base é a quinta comunidade no ranking por número deste tipo de instalacións. Case o 50% son de tecnoloxía UMTS, 36,5% son GSM e 14,1% son DCS. Ademais Galicia é a cuarta co maior crecemento no número de estacións base respecto ao ano 2011, co  21,4%. Por provincias, A Coruña con 3301 estacións é a oitava do Estado por número de estacións base. 
Por último, en canto á cuota de mercado dos operadores en Galicia, Telefónica ocupa a primeira posición co 39,2% e a continuación Vodafone (30,3% ), Orange (11,7% ) e outros (18,8%).

CMTData para provincias e CCAA
Este ano, como novidade, pódese consultar a través de CMTDATA (o portal web de estatísticas da CMT), a información xeográfica de telecomunicacións por Comunidades Autónomas e provincias e os datos dende 2007 ata 2012 pódense descargar en forma de gráficos, mapas ou barras.