Galicia está entre as tres comunidades españolas con maior porcentaxe de empresas con persoal de formación tecnolóxica que contratan mulleres

Data: 
08/03/2022
  • Un 43,06% das empresas galegas que empregan especialistas en tecnoloxía contratan a mulleres con esta formación
  • A inserción laboral das mulleres no mercado laboral STEM en Galicia é dun 83,9% e supera lixeiramente á porcentaxe que se rexistra entre os homes
  • A porcentaxe de tituladas nas especialidades tecnolóxicas segue a ser moi inferior á de titulados
  • Os salarios das mulleres superan aos dos homes no caso das carreiras nas que son minoría, mentres quedan por detrás en Ciencias ou Matemáticas
  • Soamente o 1% das mulleres das empresas tecnolóxicas ocupan postos directivos, fronte ao 5,8% dos homes
  • A Xunta promove o talento dixital feminino a través do plan Dixitalent e accións como GirlStem

O 43,06% das empresas que empregan especialistas en tecnoloxía en Galicia contratan mulleres con esta especialidade, unha porcentaxe que soamente superan Madrid, cun 44,26% e Estremadura cun 43,94%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) destaca, así mesmo que, de acordo co estudio realizado sobre a inserción laboral do Sistema Universitario de Galicia, a porcentaxe de mulleres que se manteñen empregadas en especialidades STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) nos dous primeiros anos tras obter o título é dun 83,9 por cento, lixeiramente superior á de homes, que  é dun 83,3.

A pesares das excelentes perspectivas de inserción laboral nos sectores tecnolóxicos, cun crecemento do emprego dun 23% entre 2015 e 2020, soamente o 20% dos 3.660 empregos creados nese quinquenio foron mulleres.

A fenda de xénero reflíctese tamén no feito de que nas empresas de tecnoloxía soamente o 1% das mulleres ocupa postos directivos fronte ao 5,8% de homes. Atendendo ás funcións que desenvolven nas empresas, só o 14,7% están dedicadas a funcións tecnolóxicas fronte ao 49,3% de homes. No caso de funcións non especificamente tecnolóxicas (administrativas,...) a tendencia invértese e a presenza de mulleres (16,2%) supera aos homes (13%).

Segundo datos do OSIMGA, no 2020 foron 5.885 as traballadoras nos sectores tecnolóxico afiliadas á Seguridade Social, valor que se mantivo así estable respecto a 2019. A pesar disto, continua o crecemento da fenda de xénero nestes sectores, debido a que a o incremento do número de homes continuou no último ano.

Mulleres con formación superior STEM en Galicia

En Galicia, a porcentaxe de tituladas nas carreiras denominadas STEM é moi inferior ao de titulados nas especialidades máis tecnolóxicas (16,8% de mulleres) e nas enxeñarías (38,5%). Sen embargo en Matemáticas a proporción de tituladas é moi próxima a dos titulados e nas ciencias naturais, as mulleres son maioría (66,1%).

A inserción laboral de ambos xéneros é moi semellante, de máis do 83% en ámbolos dous casos.

Os salarios das mulleres mesmo superan aos dos homes cando son tituladas nas carreiras en que son minoría (Tecnoloxías e Enxeñarías), mentres quedan por detrás en Ciencias e Matemáticas. 

Hai maior porcentaxe de mulleres tituladas STEM traballando nos sectores de Hostalaría, Outros servizos, Administración e Primario. Mentres tanto, máis porcentaxe de homes atopan acomodo laboral nas Industrias xerais, no Sector TIC e nas Actividades de servizos profesionais.

A formación superior STEM comprende as especialidades de Ciencias Naturais, Tecnoloxías, Enxeñarías e Matemáticas. Son as máis relacionadas coa capacitación persoal cualificado para os sectores máis tecnolóxicos.

Actuacións para o fomento das vocacións STEM entre as nenas

A Axencia para a Modernización Tecbolóxica de Galicia traballa en tres liñas chave para captar e reter talento: aumentar o recoñecemento social das profesións tecnolóxicas; promover o papel de dirección e liderado destas profesionais e deseñar proxectos atractivos profesionalmente cun elevado compoñente de impacto económico e social

Entre as actuación en marcha destaca o Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia (DigiTalent), e a actuacións como o programa Girl STEAM ou a elaboración do documental “Mulleres na Informática: Marxe de Erro”.

Localización: