A fenda dixital afecta máis ás persoas con discapacidade e en situación de dependencia

Data: 
17/03/2011

Apenas o 2,27% das galegas e galegos con discapacidade dedican o seu tempo libre a navegar por Internet e só un 1,31% a facer “chat” ou enviar correo electrónico. Todo isto contrasta con outras actividades moi estendidas, como ver televisión ou DVD (67,79%) ou escoitar música ou radio (25,81%).
En xeral son as afeccións relacionadas con Internet as que máis diminúen a medida que aumenta a idade das persoas enquisadas (navega en Galicia o 0,31% das persoas enquisadas de 65 a 79 anos) para desaparecer totalmente entre as persoas maiores de 80 anos.
Tamén se pode observar en xeral unha menor incidencia das TIC nos hábitos das mulleres deste segmento da poboación o que confirma a existencia dunha fenda dixital de xénero.
149 centros e máis de 500 dispositivos para mellorar a accesibilidade
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, xunto co Ministerio de Industria, Turismo e comercio, a través da Entidade Pública Red.es, vén de completar a instalación do equipamento do programa "TIC TAC Galicia", dotando a 149 centros públicos de dispositivos tecnolóxicos adaptados para persoas con discapacidade. Esta iniciativa desenvolveuse grazas ao convenio asinado entre este Ministerio e a Xunta de Galicia, e contou cun investimento de 820.000 euros na Comunidade, financiada pola Entidade Pública e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Entre os obxectivos principais do programa TIC TAC está reforzar con novo equipamento os centros públicos para mellorar a accesibilidade á sociedade da información das persoas con discapacidade a través de actividades formativas e do uso da administración electrónica. En Galicia a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica seleccionou como beneficiarios desta axuda a 149 centros públicos de acceso a Internet, pertencentes a distintas consellarías e departamentos autonómicos entre os cales se inclúen 20 bibliotecas públicas, 89 centros adheridos a a Rede de aulas de Modernizacion e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), 14 centros hospitalarios, 8 parques naturais, 17 centros de atención a discapacitados e aulas de formación.
Nestes espazos instaláronse 150 ordenadores e 153 portátiles adaptados para que as persoas con discapacidade visual, auditiva, cognitiva ou motora poidan acceder a Internet. Así mesmo, dotóuselles de 181 kits de discapacidade e 60 lectores de DNI electrónicos.
Xunto coa instalación do equipamento, o programa TIC TAC contempla tamén a capacitación dos profesionais que asesorarán os usuarios no uso do equipamento. Estes profesionais recibiron xa unha primeira capacitación individual no uso dos dispositivos. A principios de abril esta formación ampliarase coa impartición dunhas xornadas de grupo nas que tamén aprenderán a orientar o público obxectivo deste equipamento. Ademais, tamén se poñerán en marcha xornadas de difusión para usuarios onde se lles informará do equipamento do que dispoñen, que pode achegarlles e do onde poden atopalo. Deste xeito, ao longo mes de abril os centros estarán plenamente capacitados para atender a todos aqueles usuarios que se acheguen para facer uso destes dispositivos.