Do fixo ao móbil e dos servidores á nube como tendencias para o 2013

Data: 
04/04/2013

A Asociación para la Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) presentou a 15ª edición da enquisa "Navegantes en la Red", realizada a máis de 30.000 usuarios de Internet no conxunto do Estado.

Os últimos resultados de "Navegantes en la Red" indican que os dispositivos de acceso a Internet seguen a diversificarse. O incremento interanual de máis de 15 puntos porcentuais na conexión á Rede a través de teléfonos móbiles (79% en 2012) mostra unha progresiva transición do ordenador fixo á telefonía móbil, como apuntaba recentemente o estudo internacional elaborado pola consultora Gartner baixo o título "The Top 10 Strategic Technology Trends for 2013", que pode descargarse na seguinte ligazón.
Aínda así, en España a porcentaxe de usuarios que se conectan a Internet a través do ordenador fixo ou de sobremesa acada o 78,8% e o 80,9% no caso do ordenador portátil ou netbook, segundo indica AIMC.

O estudo elaborado por Gartner tamén coincide na tendencia ao abandono dos servidores propios para dirixirse a novos servizos cloud computing. Neste senso, AIMC indica que máis da metade dos internautas enquisados (o 55,3%) son usuarios dos servizos de almacenamento "na nube".

Esta nova edición presentada pola AIMC achega outros indicadores de interese para o sector TIC, relacionados coa descarga de aplicacións en teléfonos móbiles e tablets, a privacidade e da seguridade na Rede, a velocidade da conexión a Internet, as redes sociais e os sistemas de pagamento online entre outros datos correspondentes á enquisa realizada no cuarto trimestre de 2012.

Pode consultarse a 15ª Enquisa "Navegantes en la Red" na seguinte ligazón