A cultura da mocidade galega pasa cada vez máis polas TIC

Data: 
19/01/2011

Froito da colaboración do Consello da Cultura cos observatorios da cultura do País Vasco, Cataluña, Quebec e Piamonte, o OCG vén de publicar un adianto de resultados dun traballo onde se comparan os hábitos culturais da mocidade utilizando metodoloxías cualitativas, co obxectivo de analizar as argumentacións, orientacións e actitudes da mocidade en relación ao consumo e á práctica cultural, así como ao uso de novas tecnoloxías, formatos e soportes atendendo ao nivel de estudos e aos grupos de idade.
Entre as conclusións do estudo cabe salientar que a dependencia absoluta das novas tecnoloxías á hora de acceder a contidos e actividades culturais, considérase característica común a toda a mocidade. O estudo indica que a meirande parte da mocidade galega está permanentemente conectada a través das TIC e dispoñible en liña unha parte importante do seu tempo de lecer. Esta realidade está tamén a incidir en cuestións como as relacións persoais que manteñen ou o tipo de actividades que realizan dentro e fóra do fogar. O uso das TIC concédenlle aos mozos un papel protagonista ao “estaren sempre á vangarda da nova sociedade tecnolóxica”. Ademais, detéctase o aumento na personalización dos dispositivos tecnolóxicos que utilizan, como o móbil, a vídeo consola, o ordenador e a conexión a Internet.
A mocidade, en xeral, pensa que a cultura do futuro estará baseada nas novas tecnoloxías, cuxa presenza será total en todos os ámbitos da vida diaria e para a realización da meirande parte das xestións cotiás, como por exemplo a compra de produtos, xestións bancarias, etc.
Uso do ordenador e Internet
O uso de Internet está claramente condicionado pola idade, xa que o acceso entre as persoas novas é inmensamente superior ao dos adultos e está tamén ligado á formación adquirida. As actividades realizadas maioritariamente son a navegación pola web, o envío de correos electrónicos, o uso das redes sociais, pero tamén mencionan o uso de internet para xogos en rede e mesmo apostas.
Internet é a ferramenta de acceso á cultura, o lecer e entretemento por excelencia de todos os grupos de estudo investigados neste traballo. Pódese constatar que salvo rarísimas excepcións, o acceso a Internet revolucionou absolutamente os hábitos dos mozos actuais entre 16 e 26 anos, aínda que os maiores deste segmento de idade son máis críticos co uso abusivo do ordenador por parte dos máis novos.
Os estudantes de ESO ou Bacharelato usan o ordenador unha media de dúas horas diarias dependendo fundamentalmente das tarefas escolares e fano case sempre no seu fogar. Pensan que Internet inflúe significativamente na forma de vida da xente nova e inquiétalles que a súa privacidade sexa quebrantada, temor que se acentúa no caso das mulleres ás que lles preocupa a posibilidade de veren vulnerada a súa intimidade e mesmo integridade na Rede.
Redes sociais
Todas as franxas de idade e tanto mulleres como homes son moi escépticos co tipo de amizade que poida xurdir a partir das redes sociais, conscientes de que nestas se agregan persoas que tan só se coñecen vía internet e coas que non se chega a ter na meirande parte dos casos ningún contacto persoal, en definitiva trátase, na maioría dos casos de relacións superficiais e ficticias. Resultan sorprendentes os casos de testemuñas entre os máis novos de “amigos” que solicitan agregarse e que despois nin sequera os saúdan pola rúa. Tamén mencionan que o uso das redes sociais é sobre todo unha moda, que se estende a todo o colectivo xente nova e recoñecen que é útil para citarse, publicar fotos ou facer circular avisos ao seu círculo.
Lectura na Rede
Aínda que poida parecer que a mocidade le menos, pódese dicir que isto non é certo, xa que aínda que len menos no formato tradicional de libros, agás en idade escolar, len moito máis en formato dixital, en Internet. O OCG afirma que len máis os que utilizan máis Internet.
Música
Internet é a forma case exclusiva de acceder ou escoitar a música, descargándoa sempre na súa casa e no seu tempo libre. Os reprodutores musicais máis usados son o móbil, por riba do mp3, así como a radio, fundamentalmente aqueles que viaxan frecuentemente en coche.
Televisión
O estudo atopa en xeral unha valoración moi negativa da televisión. Mentres que para os máis novos trátase dun medio que non lles interesa en absoluto e que consideran nocivo para a convivencia familiar e motivo de illamento, os maiores afondan un pouco máis na análise da programación que ofrece hoxe este medio e conclúen que non se identifican con ningún programa televisivo que se está a emitir na actualidade, xa que consideran que tal e como está deseñada neste momento a programación televisiva, este medio non cumpre nin sequera a misión de informar. Con todo, pensan que a televisión en si mesma non é un elemento negativo, senón un excelente medio desperdiciado polo mal uso que fan deste as produtoras.
Videoxogos
O xénero é a variable que inflúe decisivamente no uso dos videoxogos. Son case exclusivamente os homes quen lles dedican parte do seu tempo de lecer (sábados ou domingos pola tarde, sobre todo, e case sempre en compaña dos amigos). As mulleres consideran que non é un xeito atractivo de entretemento. Con todo, coinciden tanto homes como mulleres en que o abuso dos videoxogos é prexudicial para a súa vida persoal e social, polo que apostan por usalos con moderación.