A Comisión Europea aposta polo sector TIC para incorporar á mocidade ao mercado laboral

Data: 
15/11/2013

O boletín publicado pola Comisión Europea en materia de emprego, asuntos sociais e inclusión dedica un apartado especial ao emprego no sector TIC. Véxanse as páxinas 21 a 25 do European Vacancy Monitor (EVM nº11)
As TIC supoñen unha importante fonte de xeración de emprego no ámbito da Unión Europea, con máis de 4 millóns de empregados no 2012 e o 2,5% do volume total de emprego europeo. Fronte á caída nun -2,9% do número de ocupados en todos os sectores, o sector TIC experimentou un crecemento do 2% no período 2011 – 2012.
Esta evolución é desigual na análise dos Estados membros neste período. España sitúase nun punto de estancamento, a diferenza do período 2008 – 2010 onde se identificaba un crecemento próximo ao 5%. Esta situación está condicionada polas elevadas cifras de paro no conxunto do Estado en relación a outros países da Unión Europea, especialmente no tocante ao emprego xuvenil, o que permite afirmar que o sector TIC resiste mellor as adversidades no contexto económico actual.
 
  Gráfico 1: Evolución do emprego no sector TIC europeo entre 2008 – 2010 e 2011 – 2012. Fonte: EVM.
 
O sector TIC ten unha destacada presenza no mercado laboral dos países do norte europeo. Suecia, Finlandia e Dinamarca concentran unha maior porcentaxe de empregos relacionados coas TIC no conxunto de sectores, con valores superiores ao 3,5%, fronte ao 2,5% da media europea e algo máis do 2% no caso de España.
A Comisión Europea considera que este indicador está condicionado polas posibilidades de financiamento das empresas nos Estados membros.
 
 Gráfico 2: Media do emprego no sector TIC europeo en relación ao total de empregados. Fonte: EVM.
 
Os países do Leste e de nova incorporación na Unión Europea presentan unha maior porcentaxe de empregados TIC con idades comprendidas entre os 15 e 29 anos, mesmo superiores ao 40% en países como Latvia e Malta, fronte á media europea situada no 22%. En España os mozos e mozas de 15 a 29 anos supoñen en torno ao 20% do total de empregados no sector TIC estatal.
 
 Gráfico 3: Media do emprego xuvenil no sector TIC europeo en relación ao total de empregados. Fonte: EVM.
 
España sitúase entre os 5 primeiros países europeos con maior presenza das mulleres en postos relacionados coas TIC, cunha representación superior ao 20% no conxunto do mercado laboral, fronte ao 18% da media europea.
Ademais España é dos poucos países europeos onde a porcentaxe de mulleres directivas (26%) é superior á porcentaxe de mulleres en postos técnicos no conxunto de empregados e empregadas do sector TIC.
 
 Gráfico 4: Media do emprego feminino no sector TIC europeo en relación ao total de empregados. Fonte: EVM.
 
Pode descargarse o documento completo na seguinte ligazón:
http://ec.europa.eu/social/main.jsp?catId=737&langId=en&pubId=7679&type=1&furtherPubs=yes