Aumenta a dispoñibilidade media dos servizos públicos en liña en toda a Unión Europea

Data: 
23/02/2011

As conclusións deste informe da Comisión Europea achegan información útil en relación cos obxectivos do Plan de acción sobre administración electrónica posto en marcha en decembro de 2010 con vistas a colaborar cos poderes públicos dos Estados membros para mellorar e ampliar os servizos que prestan a través de Internet (véxanse IP/10/1718 e MEMO/10/681).
A dispoñibilidade media de servizos públicos en liña na UE aumentou do 69 % ao 82% de 2009 a 2010. Segundo a Comisión Europea a prestación de máis servizos administrativos en liña contribúe a reducir os custos das administracións públicas e a burocracia para as empresas e os cidadáns.
O informe revela a realidade das distintas administración da UE, centrándose en dous servizos públicos esenciais: «atopar un emprego» e «abrir unha empresa». Aínda que as administracións públicas europeas avanzan na dirección correcta, segue habendo diferenzas entre os países. Tamén queda marxe de mellora no que respecta á contratación pública electrónica.

En liña case o 80 % dos servizos públicos básicos
A dispoñibilidade en liña dunha serie de vinte servizos públicos básicos, tales como a matriculación de vehículos, a declaración de impostos ou o rexistro dunha nova empresa, alcanzou o 82 % en 2010 en toda Europa, unha cifra considerablemente máis alta que en 2009 (o 69 %). Os mellores resultados rexistráronos Austria, Irlanda, Italia, Malta, Portugal e Suecia, onde todos os servizos públicos básicos están en liña. Bulgaria, Italia e Letonia rexistraron grandes melloras o ano pasado na prestación electrónica destes servizos. O informe indica que os servizos ás empresas están máis avanzados que os que se prestan aos cidadáns.
Calidade dos servizos
O informe deste ano céntrase nas necesidades dos cidadáns desempregados e dos futuros empresarios. Observa como as administracións públicas reducen a burocracia e prestan de xeito dinámico en liña todos os servizos públicos necesarios para abrir unha empresa ou atopar traballo. Isto pódese levar a cabo a través dun portal en liña ou automaticamente, por exemplo, ao rexistrarse para recibir un número de identificación fiscal, a empresa que se pon en marcha tamén pode recibir automaticamente un número de IVE. O informe revela que o 55 % dos servizos necesarios para abrir unha empresa préstase a través dun portal específico ou automaticamente en Austria, Dinamarca, Estonia, Irlanda, Suecia e o Reino Unido. En cambio, só o 46 % dos servizos útiles para os desempregados préstase agora a través dun portal específico.
Contratación pública electrónica
Aínda que o 70 % dos poderes públicos xa comezaron a traballar con licitacións electrónicas, a súa baixa implantación media (as mellores estimacións indican que representan o 5 % da contratación pública total) fai que non se noten grandes vantaxes. Se a contratación pública electrónica existise plenamente e se xeneralizase, facilitaría uns aforros nas compras públicas que poderían ascender até o 30 %.
Os municipios máis pequenos prestan menos servizos en liña
Por primeira vez, o informe tamén se ocupa da dimensión local e rexional da administración pública electrónica e indica grandes diferenzas entre os países. Nos servizos prestados principalmente polos municipios, os máis pequenos dispoñen só da metade dos servizos en liña que ofrecen os municipios grandes. Por exemplo, mentres que os sitios de Internet das cidades máis pequenas poden proporcionar información sobre como solicitar unha copia do certificado de nacemento, os sitios das grandes cidades tamén inclúen formularios que se poden descargar. A razón desta disparidade podería ser, segundo o informe, que as administracións locais máis pequenas e os seus cidadáns prefiren o contacto directo ou outras canles máis tradicionais, ou que as administracións pequenas teñen menos capacidade de adoptar servizos electrónicos por motivos de estratexia, financiamento ou capacidade.
A Comisión Europea, comunicou que seguirá a controlar a evolución dos servizos públicos en liña en toda Europa e, a través do Plan de acción sobre administración electrónica, colaborando cos poderes públicos dos Estados membros para ampliar e mellorar os servizos que prestan en Internet.
Estes informes da Comisión Europea sobre o progreso da administración electrónica en toda a UE elabóranse desde 2001. O obxectivo da investigación é realizar unha avaliación dos distintos países europeos para comparar os seus avances e difundir as mellores prácticas. A análise abarca máis de 10 000 sitios de Internet dos 27 Estados membros da UE, Croacia, Islandia, Noruega, Suíza e Turquía.
Esta análise refírese a doce servizos básicos en liña aos cidadáns (impostos sobre a renda, procura de emprego, prestacións de seguridade social, documentos persoais, matriculación de vehículos, solicitude de licenzas de obras, declaracións á policía, bibliotecas públicas, partidas de nacemento e de matrimonio, matriculación no ensino superior, notificacións de mudanza, servizos sanitarios) e a oito servizos públicos en liña ás empresas (cotización social dos empregados, imposto de sociedades, IVE, rexistro dunha nova empresa, presentación de datos ás oficinas de estatística, declaracións aduaneiras, permisos de medio ambiente, licitacións).
No marco da Axenda Dixital para Europa, a Unión Europea pretende que un de cada dous cidadáns e catro de cada cinco empresas recorran aos servizos de administración electrónica para 2015 (véxanse IP/10/581, MEMO/10/199 e MEMO/10/200).
Más información: