Galego  | Castellano
Logo OSIMGA
Logo XUNTA
1
DESTACADO

Novo estudo do OSIMGA: "Novos perfís profesionais dixitais en Galicia"

 

http://www.osimga.gal/gl/actualidade/noticias/20160805_novos_perfis_dixitais_galicia.html
2
DESTACADO

"A Sociedade da Información nos fogares galegos". Edición 2016.

http://www.osimga.gal/gl/actualidade/noticias/20170731_enquisa_fogares_2016.html
3
DESTACADO

O Observatorio para a Sociedade da Información da Amtega publicará este ano o primeiro estudo sobre Ciberseguridade nos fogares galegos

 

http://www.osimga.gal/gl/actualidade/noticias/20170531_balance_osimga.html
4
DESTACADO

Diagnóstico sobre as Empresas TIC de Galicia 2016

http://www.osimga.gal/gl/actualidade/noticias/20161104_enquisa_empresas_tic_2016.html

DESTACADOS

Os usuarios das redes sociais son máis activos en internet e nalgunhas actividades da vida real cós non usuarios
Elogia Marketing Singular e IAB Spain Research elaboraron o II Estudo sobre redes sociais en internet co obxectivo de avaliar a penetración destes sistemas en España, así como o uso e a opinión da cidadanía con respecto a elas.
Valoración
(0votos)
16/12/2010

O II Estudo sobre redes sociais en internet foi realizado por Elogia Marketing Singular e IAB Spain Research en 2010 para proporcionar unha imaxe sobre o uso e a opinión que a cidadanía española ten sobre estes sistemas tan populares nos últimos anos.

Obxectivos e metodoloxía

Dado que o I Estudo sobre redes sociais, publicado en 2009, tiña como obxectivo coñecer o papel das redes sociais en España, a súa segunda edición pretende, ademais de ofrecer unha visión xeral das redes sociais en 2010, avaliar a evolución destas ao longo do presente ano.

O estudo contén tamén información detallada sobre os motivos dos usuarios para utilizar as redes sociais, as actividades que realizan nestas, os inconvenientes que perciben os non usuarios para non acceder a elas, a percepción xeral delas no contexto español e os hábitos ou as preferencias dos usuarios.

Con respecto á metodoloxía, o sistema seguido foi a realización dunha enquisa a través de internet aos membros do Panel Online Consupermiso.com no mes de setembro de 2010. O perfil dos enquisados corresponde a persoas residentes en España (homes e mulleres) con idades comprendidas entre os 18 e os 54 anos. De entre estes, 538 eran usuarios de redes sociais e 245 non.

Penetración das redes sociais

O nivel de penetración das redes sociais na sociedade española é superior en 2010 (70 %) ca en 2009 (51 %), o que amosa a maior repercusión que cada día teñen estas en España. De feito, o coñecemento espontáneo (sen mencionar o nome da rede) que os cidadáns teñen das redes sociais é, polo xeral, superior en 2010 ca en 2009. Mostra disto son Facebook, cun 87 % en 2009 e un 96 % en 2010; Twitter, con 17 % e 50 %, respectivamente, ou YouTube, con 0 % e 3 %. Existe algún caso de estancamento, coma Tuenti (62 % en 2009 e 2010) ou Xing (2 %) e outros de regresión, coma Hi5 (23 % en 2009 e 15 % en 2010) ou MySpace (17 % e 14 %, respectivamente).

Con respecto ao coñecemento suxerido das redes sociais (é dicir, mencionando o seu nome), de novo a tendencia é ao aumento, coma no caso de Facebook (97 % en 2009 e 98 % en 2010); Tuenti (78 % e 86 %), YouTube (84 % e 85 %) ou Twitter (42 % e 78 %). Só MySpace (79 % e 69 %), Hi5 (57 % e 44 %) e Xing (14 % e 12 %) decrecen en 2010.

Usuarios de redes sociais fronte a non usuarios

A principal diferenza entre os cidadáns usuarios e os non usuarios das redes sociais atópase no uso que fan de internet. Os primeiros son máis activos na rede, dado que fan un uso maior da mensaxería instantánea, consultan máis e máis frecuentemente os xornais en liña, compran e fan máis xestións por internet ou ven máis programas de televisión ou series por internet.

Porén, hai categorías nas que as diferenzas non son moi significativas. Por exemplo, usuarios e non usuarios de redes sociais fan un gasto similar nas súas compras por internet, polo que non se poden extraer conclusións determinantes relacionadas co uso ou non das redes sociais.

Con respecto aos produtos comprados por internet, pódese determinar que, en consonancia coa tendencia xeral, os usuarios das redes sociais compraron máis produtos relacionados coas viaxes, entradas de espectáculos, estancias en hoteis, música e películas cós non usuarios.

Ademais de preguntar por actividades desenvolvidas por internet para tentar atopar unha posible relación destas co uso das redes sociais, aos enquisados tamén se lles preguntou con que frecuencia realizaban unha serie de actividades non relacionadas con internet. Estas eran, entre outras, cear fóra do fogar, ir a discotecas, correr, ir ao ximnasio, ir ao teatro ou facer ciclismo. En todas as categorías mencionadas, as porcentaxes son superiores no caso dos usuarios das redes sociais, con diferenzas que oscilan entre o 14 % de ir a discotecas e o 5 % de ir ao teatro e ao ximnasio.

Uso das redes sociais

O 89 % dos usuarios enquisados afirmou utilizar ou visitar Facebook (a porcentaxe maior), fronte ao 4 % de Xing. Ademais de Facebook, as redes sociais máis usadas ou visitadas son YouTube (60 %), Tuenti (44 %), MySpace (18 %) e Twitter (18 %).

En canto á frecuencia de uso das redes sociais, os usuarios de Tuenti e Facebook son os que as visitan máis (como mínimo unha vez ao día). No primeiro dos casos, o 21 % úsaa cada día e o 38 % varias veces ao día; no segundo, o 27 % cada día e o 37 % varias veces ao día.

Con respecto á evolución das visitas en 2010 en comparación co ano anterior, os usuarios de Facebook son os que máis aumentaron as visitas (nun 59 %), seguidos de LinkedIn (51 %) e Tuenti (43 %).

No cuestionario incluíase tamén unha pregunta relativa á intención de uso futuro das redes sociais, onde LinkedIn se sitúa coma a rede social cuxo uso aumentará máis nos próximos anos (53 %), por riba de Twitter (34 %), Facebook (33 %) e YouTube (32 %). As redes Badoo (24 %), Hi5 (23 %) e MySpace (20 %) serán as que menos crecerán no futuro.

O lugar preferido para conectarse ás redes sociais é o fogar, con porcentaxes que superan, en todos os casos, o 90 %.

Imaxe das redes sociais para os usuarios

A rede social preferida para os usuarios é Facebook nun 59 % dos casos, que repite na primeira posición coma en 2009 (50 %). Os postos segundo e terceiro, ocupados por Tuenti (19 %) e YouTube (15 %), respectivamente, tamén permanecen sen cambios.

O principal motivo polo que os usuarios de Facebook a escollen como rede social preferida é porque a usan os seus amigos (44 %), seguida da facilidade de uso (28 %) e a súa popularidade (16 %). Non obstante, os usuarios que escollen Tuenti como a súa rede social favorita fano principalmente porque é fácil de usar (60 %), porque a utilizan os seus amigos (45 %) e porque é a que mellor coñecen (13 %). Pola súa banda, o principal motivo para escoller YouTube é, obviamente, a posibilidade de ver vídeos (47 %).

Con respecto ao nivel de satisfacción, YouTube é a rede social mellor valorada, cunha media de 7,8. Tras esta atópanse Facebook (7,5), LinkedIn (7,3) e Tuenti (7,3). No extremo oposto atópase Badoo, coa peor puntuación (5,6).

Sobre a influencia das redes sociais, LinkedIn é a que obtén a maior porcentaxe (67 % de usuarios que a consideran moi ou bastante influente). Séguena Facebook (51 %), YouTube (47 %), Twitter (46 %) e Tuenti (43 %). Coma no caso anterior, Badoo volve ser a rede social con menor puntuación (25 %).

Imaxe das redes sociais para os non usuarios

As persoas non usuarias das redes sociais alegan, en primeiro lugar, non facelo porque non lles interesan, ou ben non lles chaman a atención (26 %). En segundo lugar, argumentan que non lles gustan (18 %) e non teñen tempo (18 %) e, posteriormente, cun 17 %, que as consideran unha falta de privacidade.

Cando se lles preguntou por un posible rexistro nunha rede social no próximo ano, máis da metade dos non usuarios enquisados (57 %) respondeu que probablemente ou seguro que non se rexistrará. Porén, un 5 % cre que seguro que se rexistrará e un 9 % que probablemente o faga.

voltar
Facebook Google+ Twitter LinkedIn Issuu
Amtega Contacta Suscríbete
Ir a Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
Logo da Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na Internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS